Temas: CEDEIRA ADEGA

Divisións na plataforma de defensa da Ría de Cedeira

ADEGA e o colectivo cívico Somos Cedeira deixarán de participar por non cumprir, din, os obxectivos para os que foi constituída.

Por Galicia Confidencial | Cedeira | 17/01/2017 | Actualizada ás 10:25

Comparte esta noticia

ADEGA e o colectivo cívico Somos Cedeira deixarán de participar na Plataforma da Ría de Cedeira por entender que se desvía dos obxectivos para os que foi constituída.

En Cedeira, Praia da Madalena
En Cedeira, Praia da Madalena

A través dun comunicado, ADEGA lembra que a súa postura fronte o soterramento indiscriminado das praias galegas, foi sempre “investigar cales son as causas da desaparición de area e atallar esas causas”. “Sempre se manifestou en contra do soterramento indiscriminado polo custosa que é esa medida e polas graves consecuencias mediambientais que estas intervencións teñen”, indicou.

Precisamente, estas foron as razóns que impulsaron a creación da plataforma en defensa da Ría de Cedeira, para acadar unha xestión máis ecolóxica do entorno da praia e da ría de Cedeira. De feito, a entidade ecoloxista lembra que ese foi o leitmotiv da constitución desta plataforma foi o de esixir que se realizase un estudo de impacto ambiental “antes de acometer custosas intervencións, para poder coñecer a efectividade das intervencións e o impacto que producen sobre a reserva mariña”.

Tanto ADEGA como SomosCedeira veñen reclamando este estudo dende o ano 2014, no que despois dunha serie de fortes temporais se deitou area en moitas praias galegas. Sen embargo, a Demarcación de Costas non quere realizalo, a pesar de que se pediu dende o ano 2001.

Praia da Madalena en Cedeira nunha foto antiga, con máis area
Praia da Madalena en Cedeira nunha foto antiga, con máis area

“O último acordo da plataforma de propoñer o retranqueo da praia, sen ningún tipo de estudo previo, alónxase desa idea coa que se constituíu a plataforma e que a cidadanía de Cedeira leva 16 anos reivindicando. Se realmente esta plataforma vai propoñer intervencións na praia sen o correspondente Estudo de Impacto Ambiental (EIA), non ten sentido que ADEGA e SomosCedeira sigan participando nela, posto que vai en contra dos valores que defenden”, din para defender a súa saída da mesma.

Temas: CEDEIRA ADEGA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta