Pediatras do CHUS participan nunha investigación internacional sobre infeccións respiratorias graves

Pretenden elaborar guías de práctica clínica para mellorar a forma na que estas patoloxías se monitorizan e asesorar en vacinación

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/01/2017 | Actualizada ás 11:27

Comparte esta noticia

Pediatras do Hospital Clínico de Santiago de Compostela (CHUS) participan nunha investigación internacional co fin de avaliar o risco de padecer infeccións respiratorias potencialmente mortais.

Segundo informou a Xerencia sanitaria compostelana, deste modo o Servizo Galego de Saúde (Sergas) participa a través do departamento de Pediatría da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago, cuxo responsable é Federico Martinón, neste estudio sobre infeccións respiratorias graves.

Expertos de Europa, entre os que se inclúen investigadores do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), obtiveron unha subvención para a investigación con fondos europeos de 29 millóns de euros co fin de crear un consorcio mundial encargado de investigar infeccións respiratorias graves, causadas polo Virus Respiratorio Sincitial (VRS), que afectan especialmente a lactantes.

Segundo indica a Xerencia sanitaria compostelana, estímase que o abano de enfermidades causado polo VRS afecta máis de 30 millóns de nenos menores de cinco anos en todo o mundo.

En España calcúlase que ata 20.000 nenos ao anos visitan urxencias por esta motivo e entre 7.000 e 14.000 rematan ingresados. En Galicia, segundo engaden as mesmas fontes, soamente na área de Santiago se detectaron máis de mil probas positivas de VRS dende outubro de 2015 ata marzo de 2016.

O CHUS recorda que este virus non só afecta a nenos, senón tamén a persoas maiores e aqueles cunha inmunidade feble, incluíndo pacientes con cancro ou enfermidades crónicas de pulmón como enfisema.

A Xerencia sanitaria compostelana incide en que para o desenvolvemento e implantación de terapias é necesario reunir "información e evidencias" co fin de "avaliar o mellor xeito de introducir estas intervencións, non só en España e Europa, senón no resto do mundo", segundo apostila.

GUÍAS DE PRÁCTICA CLÍNICA

Neste contexto nace o Consorcio Europeo para o VRS (Resceu) dirixido dende a Universidade de Edimburgo no que participa o equipo de Pediatría da Xerencia de Santiago. En total son investigadores de 18 universidades, institucións sanitarias públicas e compañías farmacéuticas que recollerán información e datos sobre o número de casos de VRS en Europa cada ano. Tamén se avaliarán os custos e o impacto económico da enfermidade, así como a carga que supón para os sistemas de saúde.

Con esta información pretenden construír guías de práctica clínica para mellorar a forma na que as enfermidades asociadas a VRS se monitorizan por toda Europa e así poder asesorar en futuros programas de vacinación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta