Orellana eclipsa o Real Madrid

Eduardo Berizzo, apoiado ao 100% polo club, prescinde do internacional chileno por “unha falta de respecto inaceptábel” e asegura: “Comigo non pertence máis a este equipo”. O Celta disputa hoxe a ida dos cuartos de final no Bernabéu co obxectivo de deixar aberta a eliminatoria para decidir en Balaídos dentro de sete días.

Por gcdeportes | Vigo | 18/01/2017 | Actualizada ás 08:06

Comparte esta noticia

“Comigo non pertence máis a este equipo”. Na previa do partido de Copa no Bernabéu, así de tallante foi o Toto Berizzo sobre o futuro de Fabián Orellana no Celta, trala “falta de respecto inaceptábel” cometida polo xogador chileno. E o club apoia a decisión irrevogábel do técnico arxentino. Deste xeito, Orellana, a piques de cumprir 31 anos, está fóra do club, que xa lle busca acomodo e un substituto. “O club decidiu buscarlle a Orellana unha saída consensual en xaneiro. Buscaremos o mellor, que sería unha venda”, aclarou o director deportivo Felipe Miñambres. Pola súa parte, en declaracións ao diario dixital chileno emol.com, Orellana recoñeceu ter cometido un erro, pero acusou ao técnico celeste de ter agrandado o problema e ter sido “desleal” con el.

Orellana, no último partido coa celeste, ante o Sevilla.
Orellana, no último partido coa celeste, ante o Sevilla. | Fonte: lfp.es

Así pois, e malia as tentativas do club por reconducir a situación, a relación entre Berizzo e Orellana, que o luns foi afastado dos adestramentos, non ten solución. “Decidín apartar a Orellana. A decisión está baseada nunha falta de respecto inaceptábel. Trasladei ao club a miña decisión e de xeito conxunto decidimos apartalo do equipo. A partir de agora, o club defenderá os seus intereses. Comigo non pertenece máis a este equipo”, explicou o técnico celeste.

Berizzo, que xa lle comunicou a decisión ao plantel e asegura que os xogadores “entendérona”, rexeitou as comparacións deste caso co de Gustavo Cabral, apartado a principios de curso unha semana do equipo: “Unha cousa é a disciplina e outra a falta de respecto. A disciplina ten matices, ten niveis, ten penalidades; a falta de respecto non ten ningunha”.

Esta campaña, por mor das continuas lesións, Orellana tan só xogou 7 dos 18 partidos de Liga co Celta. O centrocampista contaba coa alta médica dende o 9 de xaneiro, pero quedou fóra da convocatoria nos dous últimos partidos: Valencia na Copa e Alavés na Liga. Ao parecer, Orellana e Berizzo tiveron un enfrontamento directo a semana pasada, despois das queixas do chileno por ter que regresar das vacacións do Nadal canda os seus compañeiros estando mancado.

Pola súa parte, o director deportivo, Felipe Miñambres, deixou claro o apoio do club ao técnico arxentino. “O club apartou o xogador por unha falta de respecto grave. É unha decisión tomada despois de recibir o informe do adestrador e de xeito consensual con el. Apoiamos ao 100% a decisión de Berizzo. O club está por riba das persoas, e ante unha falta de respecto, temos que actuar de xeito claro”. Miñambres amosouse convencido de que o Celta atopará sen problemas un equipo para vender a Orellana.

"Xa recoñecín que cometín un erro, pero de algo moi pequeno xerouse algo moi grande. Di que lle faltei o respecto a el e ao equipo, e non é algo colectivo. Foi algo persoal entre el e eu, que el levou ao lado profesional. Foi desleal comigo, non merecía saír así”, sinalou ao diario emol.com Orellana, quen non quixo explicar ese incidente persoal co adestrador celeste.

Trala polémica con Berizzo, volven á palestra leas anteriores de Orellana con outros técnicos. No 2013, poucas semanas despois de chegar a Vigo, Luis Enrique dixo que non contaba co chileno, pero Orellana negouse a saír do Celta e acabou gañándose o posto co agora técnico do Barça. No Granada en Segunda División, Orellana enfrentrouse verbalmente co galego Fabri González, que chegou a expulsalo dun adestramento. E coa selección chilena tamén tivo problemas co agora técnico do Sevilla Jorge Sampaoli.

Así as cousas, e xa sen Orellana, o Celta viaxa hoxe mesmo para enfrontarse o Real Madrid (21.15h) no Bernabéu na ida dos cuartos de final da Copa. O Toto Berizzo leva todo o plantel, incluído un recuperado Tucu Hernández, agás Orellana e o mancado Claudio Beauvue. Serxio Álvarez estará na portaría e o técnico celeste sairá cun 4-4-2. O obxectivo celeste é acadar un resultado que deixe a eliminatoria aberta para poder resolver dentro de sete días en Balaídos.
"É un bo equipo que pelexa en todas as competicións. Necesitamos máxima tensión e entrar forte ao partido porque vai ser complicado”, apuntou sobre o Celta Zinedine Zidane, que podería aliñar a Cristiano Ronaldo nun partido de Copa dous anos despois.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 OArquiveiro

A xente coma Orellana, aínda que sexan bos xogadores, é mellor vendelos. Sonche problemáticos e xeneran mal rollo no grupo.