Derrota e adestrador novo

O Burela queda sen opcións na Copa do Rei tras perder 1-5 co Magna Navarra e anuncia a marcha, xa prevista, de Daniel Ibañes, que será substituído por Tomás de Dios, actual seleccionador de Guatemala e campión da Supercopa no 2010 co Santiago Futsal.

Por gcdeportes | Burela | 18/01/2017 | Actualizada ás 09:04

Comparte esta noticia

Coincidindo coa cita histórica do equipo nas semifinais de Copa (1-5 ante Magna Navarra en Vista Alegre), o Pescados Rubén Burela anunciou troco de adestrador. Antes do partido, avanzou convocatoria de prensa; tralo choque, despediuse Daniel Ibañes e o club laranxa anunciou a chegada do ata o de agora seleccionador de Guatemala, Tomás de Dios, ex entre outros equipos galegos do Santiago Futsal.

Daniel Ibañés, tras ano e medio na Mariña, decidiu adiantar a súa saída (xa anunciara a súa marcha a final de tempada) de mutuo acuerdo co club laranxa, tras unha campaña chea de altibaixos e tras unha mala xeira na Liga, encadeando ata seis derrotas consecutivas. De Dios viaxa xa dende Guatemala e hoxe mesmo está previsto que asuma as rendas do club laranxa.

“É unha decisión tomada de xeito conxunto co club. Non é algo decidido nun día nin en dous, nin condicionado polos últimos resultados. Non fun capaz de tocar a tecla adecuada para que este equipo poida competir en todos os partidos, por iso chegou o momento de dar un paso atrás para que o que veña poida enchufar a este equipo; ten por diante toda unha volta para que estes xogadores poidan dar o 100%”, explicou o adestrador hispano-brasileiro xunto ao presidente burelao Manuel Blanco.

“O nome de Daniel Ibañes xa forma parte da nosa historia. Con el puidemos gozar da nosa segunda clasificación para a Copa de España, cunha brillante participación ata semifinais, ademáis de superar todas as expectativas na Copa do Rei”, apuntou o presidente burelao. “Vaisenos unha gran persoa”, engadiu.

O subsituto de Daniel Ibañes será o técnico salmantino Tomás de Dios, de 51 anos e nado en Burdeos (Francia), que regresa deste xeito ao futsal galego. Estivo no Santiago Futsal en dúas etapas (2004-06 e 2008-12), no Celta de Vigo (2006-07), no Leis Pontevedra (2007-08) e no Palma Futsal (2012-14). Co equipo compostelán gañou a Supercopa de España no 2010, e levaba dous anos dirixindo a Selección de Guatemala.

Adeus á final da Copa

Daniel Ibañés, xunto ao presidente Manuel Blanco, anuncia a súa marcha.
Daniel Ibañés, xunto ao presidente Manuel Blanco, anuncia a súa marcha. | Fonte: @burelafs

Mentres, o Burela caeu 1-5 ante Magna Gurpea na ida das semifinais de Copa do Rei e queda sen opcións para o partido de volta (7 de febreiro en Anaitasuna). Chano adiantou os laranxas no minuto 12, pero Eseverri (13’) e Renato en propia meta (18’) puxeron o 1-2 ao descanso. Tras unha primeira parte igualada, os navarros, máis efectivos, decidiron a eliminatoria na segunda metade con goles de Rafa Usín (27’), Eseverri (28’) e Araça (33’). Ao final, 1-5.

Ficha técnica
Pescados Rubén Burela 1:
  Miñano, Iago Míguez, Isi, Matamoros, Renato -cinco inicial- Antoñito, Iago Rodríguez, Chano, Hélder e Carlitos.
Magna Gurpea 5: Asier, Araça, Dani Saldise, Rafa Usín, Eseverri -cinco inicial- Yoshikawa, Jesulito, R. Martil e Alvarito.
Goles: 1-0: Chano (12’). 1-1: Eseverri (13’). 1-2: Renato, en propia meta (18’). 1-3: Rafa Usín (27’). 1-4: Eseverri (28’). 1-5: Araça (33’).
Árbitros: Gallo Suárez (Asturias) e Martínez Torres (Galicia). Amarelas a Iago Rodríguez (13’), Matamoros (18’) e Chano (21’) no Burela e a Dani Saldise (9’) e Araça (23’) no Magna Gurpea.
Incidencias: partido da ida de semifinais da Copa do Rei disputado no pavillón Vista Alegre ante preto de 1.100 espectadores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta