Axudas para contratar traballadores e emprendedores menores de 35 anos

A Deputación da Coruña lanza dúas convocatorias dotas en conxunto con 4,5 millóns de euros. Hai dúas liñas de axudas, unha para contratacións en PEME e outra posta en marcha de proxectos emprendedores.

Por GC Emprende | A Coruña | 18/01/2017 | Actualizada ás 11:34

Comparte esta noticia

A Deputación da Coruña promete que o seu Plan de Emprego Local (PEL)  destinará durante 2017 un orzamento de 4,5 millóns de euros para apoiar as pequenas e medianas empresas da provincia na contratación de novos traballadores e para apoiar a emprendedores entre os 25 e 35 anos na posta en marcha de iniciativas empresariais da nova creación.

Presentación do Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña
Presentación do Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña

75% do salario dun novo contrato

Segundo explicou o presidente Valentín González Formoso, a liña PEL-PEME, cun orzamento de 3 millóns de euros para 2017, está destinada ás pequenas e medianas empresas con domicilio fiscal en calquera dos 82 concellos de menos 20.000 habitantes da provincia e cubrirá o 75% dos custes salariais totais de cada nova contratación, incluídas as cotas á Seguridade Social, por un período mínimo de un ano. Como máximo poderase contratar a unha persoa por empresa.

"Coa activación desta nova liña do PEL esperamos facilitar a creación de 200 novos postos de traballo na provincia", afirmou o presidente provincial, que explicou que serán as propias empresas as que seleccionen os perfís profesionais que precisan e expresou que a intención do seu goberno é que "nun marco de redución progresiva do desemprego, moitas destas persoas poidan permanecer no cadro de persoal das empresas" cando remate o ano durante o que a Deputación subvencionará os custes salariais.

As persoas que se han contratar deberán cumprir unha serie de requisitos, como estar empadroadas en calquera dos municipios da provincia da Coruña, estar en situación de desemprego e inscrita nos servizos públicos de emprego, non manter relación laboral coa empresa beneficiaria da subvención nos tres meses anteriores ou non ter relación de parentesco coa persoa empregadora.

Entre os criterios que se terán en conta para a subvención destas axudas están, entre outros: a duración do contrato e perspectivas de continuidade do traballador, o perfil profesional da persoa que se ha contratar, o número de traballadores actuais da empresa ou o concello onde se sitúe, tendo máis puntos os municipios máis pequenos, co obxectivo de axudar á dinamización económica dos concellos rurais.

Axudas para emprendendores de entre 25 e 35 anos

A Deputación presenta tamén a nova liña PEL-EMPRENDE, dotada cun orzamento de 1.480.000 euros en 2017 e destinada a mozos e mozas de entre 25 e 35 anos, empadroados nos concellos da provincia da Coruña, que promovan iniciativas empresariais de nova creación.

Segundo explicou o presidente provincial, a finalidade destas axudas é apoiar a mocidade emprendedora na posta en marcha ou no impulso á súa idea de negocio a través de subvencións destinadas ao investimento en bens inventariables novos e necesarios para a realización da súa actividade empresarial, tales como maquinaria, aplicacións informáticas, mobiliario ou equipos e útiles de traballo. As axudas cubrirán investimentos de ata 40.000 euros (IVE excluído), dos cales o 50% poderá ser subvencionado pola Deputación.

Para a valoración das solicitudes a liña de subvencións do PEL-EMPRENDE, a Deputación terá en conta, entre outros aspectos, o carácter innovador da empresa, o número de traballadores, o seu sector profesional, dando maior puntuación ás iniciativas empresariais relacionadas co ámbito do medio ambiente, as enerxías renovables e as empresas de base tecnolóxica; así como aquelas que apliquen medidas de responsabilidade social empresarial, como medidas de conciliación da vida laboral e familiar dos traballadores, fomento da igualdade de xénero ou inserción laboral de persoas con discapacidade.

O Boletín Oficial da Provincia publica as bases de ambas as dúas liñas de axudas no número do 16 de xaneiro. O prazo de presentación das solicitudes para concorrer ás subvencións determinarase no anuncio da convocatoria no Sistema Nacional de Publicación de Subvencións, que se publicará nuns días.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta