Temas: PESCANOVA

Sindicatos de Nueva Pescanova non asinarán un convenio que supón “traballar máis e gañar menos”

Aínda que os sindicalistas din que a negociación "está paralizada", a empresa reitera a súa "vontade negociadora e diálogo". Os sindicatos anuncian mobilizacións.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 18/01/2017 | Actualizada ás 14:29

Comparte esta noticia

Delegados sindicais de CIG, UGT, CUT e USO nas plantas de elaboración e frigoríficos do grupo Nueva Pescanova advertiron que non van asinar "de ningunha das maneiras" a proposta de convenio que formula a empresa, posto que, sosteñen, supón "traballar máis horas e gañar menos". Por iso, e ante o "bloqueo" da negociación, representantes destes sindicatos nos centros do grupo en Chapela, O Porriño e Arteixo, así como en Insuíña, convocaron ás 10,00 horas deste sábado no Multiúsos da Xunqueira, en Redondela (Pontevedra), unha asemblea para acordar respostas e mobilizacións.

Pescanova
Pescanova | Fonte: Europa Press.

Tal e como trasladaron, aínda que hai convenios previos, os directivos da empresa pretenden "empezar de cero" porque "segundo eles é unha empresa nova", se ben os traballadores rexeitaron "esta tese". "A empresa cambiou o seu nome e perdeu a memoria e a súa historia", lamentaron.

Neste sentido, Ignacio Couñago, de UGT, fixo fincapé en que durante o "proceso de descomposición da empresa, por unha mala xestión que nada ten que ver cos traballadores", estes mantiveron a paz social, pero agora Nueva Pescanova formula "un convenio que se asemella máis ao estatal".

"É a compensación que nos ofrecen despois de tres-catro anos de tranquilidade", censurou, antes de engadir que "a paz social non é eterna, ten prezos", que pasan pola mellora das condicións sociais e laborais.

Unha delegada da CUT agregou nesta liña que a empresa non pode "botar abaixo un convenio que se conseguiu a base de moito esforzo". "Quedar como estamos podía ser, pero non é así, neste momento estamos bloqueados porque en vez de avanzar, a empresa quere retroceder, e non imos aceptar", concluíu.

NEGOCIACIÓN

A negociación do convenio colectivo arrancou hai varios meses pero actualmente, segundo os sindicalistas, "está paralizada". "A empresa di que non quere deixar de negociar, pero dende o inmobilismo; nós tampouco pero sempre que sexa un convenio digno", explicou a delegada do centro industrial de Chapela Candelaria Martínez.

A dirección do grupo Nueva Pescanova remitiu este mércores un comunicado que fixo chegar aos membros do comité de empresa, no que puxo en valor a súa "vontade negociadora e de diálogo adoptada dende o primeiro momento", pois é "a base para alcanzar un acordo satisfactorio para ambas as dúas partes".

Así as cousas, para conseguir este propósito emprazou os representantes sindicais "a continuar achegando posturas nas próximas reunións fixadas nos distintos centros de traballo" e aseverou que, pola súa banda, "continuará cumprindo como ata agora o calendario de reunións acordado".

CONVENIO

De acordo cos sindicalistas, a empresa formula "unha rebaixa brutal" nas súas condicións, en concreto, baixar os salarios, incrementar as xornadas laborais -en entre 12 e 16 horas anuais-, aumentar a flexibilidade de xornada -de luns a domingo-, crear categorías "tercermundistas" e incluír IPCs variables.

Ademais, indicaron que no relativo ás novas contratacións propón que os empregados cobren 12.260 euros brutos anuais en 14 pagas, cun aumento de 1.500 euros brutos anuais aos tres anos, e outros 1.500 euros aos cinco anos. "Malamente pódese subsistir" con ese soldo, consideraron.

Neste marco, censuraron que dende 2013 os traballadores non tiveron "ningún tipo de aumento salarial e agora veñen con estas imposicións". "É xogo sucio, non podes asegurar a competitividade da empresa abaratando a man de obra", subliñaron, insistindo en que "hai puntos innegociables".

Nesta liña, apuntaron que, despois de que en 2013 e 2014 se mantiveron os soldos, o aumento salarial que propón agora a empresa é do 0,25% para 2015, incremento que podería superar o 1% pero sempre que se cumpran "unhas condicións". En cambio, os traballadores o que piden é un 1,5% tanto para 2015 coma para 2016.

"Co que nos intentan impoñer non imos chegar a ningún tipo de acordo", avisaron, antes de criticar que mentres se propoñen estes cambios a empresa está a realizar "por arriba fichaxes súper estrela", fóra de convenio e con salarios impresionantes".

Temas: PESCANOVA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta