O Parlamento insta á Xunta a concluír este ano a elaboración dos modelos de pregos de contratación pública

O Parlamento instou este mércores por unanimidade á Xunta de Galicia a concretar e publicar durante este ano 2017 os distintos modelos de pregos de contratos públicos, así como a adaptalos á lexislación básica que se ratificará no actual exercicio.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/01/2017 | Actualizada ás 19:03 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O Parlamento instou este mércores por unanimidade á Xunta de Galicia a concretar e publicar durante este ano 2017 os distintos modelos de pregos de contratos públicos, así como a adaptalos á lexislación básica que se ratificará no actual exercicio.

A iniciativa, presentada polo PP e transaccionada co PSOE, recordaba que, na actualidade, as Cortes Xerais tramitan unha reforma da Lei Estatal de Contratos para adaptala á normativa europea, unha lexislación que incorporará "importantes modificacións".

A deputada do PPdeG Paula Prado apostou, "para facilitar aos distintos e moi dispares órganos de contratación do sector público a aplicación de todas estas novidades", por elaborar "modelos de pregos para os distintos tipos de contratos", unha cuestión que, garantiu, a Xunta "xa comezou".

Durante a súa intervención, o deputado socialista Juan Manuel Díaz Villoslada asegurou que "os licitadores en xeral en Galicia necesitan en materia de contratos públicos a maior transparencia, obxectividade e axilidade", posible, unha cuestión para o que incidiu nestes modelos de contratación.

PRAZOS

Non obstante, emendou o texto popular apostando por instar o Goberno a presentar estes contratos no primeiro cuatrimestre do ano, "con independencia de que se estea a tramitar unha nova lei de contratos nas cortes xerais". "Se esperamos á aprobación da lei de contratos estaremos, no mellor dos casos, a mediados de ano", apuntou o socialista, que viu a publicación previa destes modelos "absolutamente compatible" coa súa actualización posterior cando haxa unha reforma.

A proposta do PSOE foi contestada por Paula Prado, que rexeitou cinguir ese período ao primeiro cuatrimestre do ano, xa que "a lexislación básica vai afectar a estes pregos" e, nesa situación, "habería que volver facer o traballo". Non obstante, apostou por dar ao Goberno como prazo o ano 2017, un período que os demais grupos apoiaron.

Así mesmo, todos os partidos tamén se mostraron favorables a que estes modelos sexan revisados pola Xunta e actualizados, de ser o caso, "con carácter anual".

XULGADOS DE LUGO

Por outra banda, os grupos da Cámara galega tamén apoiaron este mércores solicitar á Xunta que demande do Goberno central a creación dun novo xulgado do social en Lugo cando, a criterio da Comisión Mixta co TSXG, "existan as condicións obxectivas e de necesidade para esta creación".

O texto que finalmente foi votado incluía a substitución da proposición non de lei orixinal do BNG, que unicamente facía referencia á necesidade de crear este xulgado, por unha emenda popular, que introducía a condición de que esta creación fose acordada no seo da Comisión Mixta. Tras o debate, a deputada do BNG Olalla Rodil aceptou a emenda do PPdeG e todos os grupos votaron a favor.

Na segunda parte da iniciativa, os grupos reclamaron tamén que a Xunta solicite ao Consello Xeral do Poder Xudicial e ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o nomeamento dun maxistrado de reforzo para os xulgados do Social da provincia de Lugo.

Finalmente, a Comisión 1º tamén aprobou por unanimidade parte dunha proposición non de lei presentada polo grupo socialista, defendida por Patricia Vilán, no referente a instar á Xunta a que constitúa comisións de seguimento que garantan o dereito á tutela xudicial efectiva e á seguridade xurídica no marco do proceso de dixitalización da xustiza.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta