Temas: AP-9 FEIJóO

Haberá ou non haberá traspaso da AP-9 a Galicia?

Todos os grupos piden na Cámara galega que o Estado traspase esta autoestrada, a máis rendable e a de máis tráfico de Galicia. Feijóo advirte que o Goberno central ten máis difícil dicir "non" ao traspaso, aínda que a vía seguirá sendo de pago.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/01/2017 | Actualizada ás 15:15

Comparte esta noticia

Acordo unánime na Cámara galega para que o Estado trasfira a Galicia a AP-9, a autoestrada máis rendible do país e a de maior tráfico. O propio PPdeG e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tamén se suman a esa demanda que levan facendo desde hai tempo os grupos da oposición.

Peaxe na AP-9
Peaxe na AP-9 | Fonte: A Mesa

Pero, ata o momento Madrid non dá o brazo a torcer nin o novo ministro de Fomento ten esta cuestión como unha prioridade na súa axenda. Aínda así, Feijóo mostrouse convencido de que, coa redacción da nova proposición de lei que asinan os 75 deputados galegos, o Goberno central ten "menos respostas" para dicir "non" á petición galega de traspaso da AP-9.

Sen embargo, esa dificultade non implica que o goberno popular de Rajoy insista en facer oídos xordos ás peticións galegas. E iso, que os catro grupos con representación no Parlamento de Galicia rexistraron este mércores unha nova proposición de lei para solicitar a transferencia da titularidade da Autoestrada do Atlántico e as competencias sobre o réxime xurídico da concesión.

Trátase dun novo texto acordado por PPdeG, En Marea, PSdeG e BNG, subscrito polos 75 deputados da Cámara --entre eles, Alberto Núñez Feijóo, e os seus 10 conselleiros (que tamén son parlamentarios)--, no que se eliminan as cuestións que motivaron o veto por parte do Goberno ao seu debate no Congreso o pasado mes de outubro.

Prazos

En concreto, retirouse o prazo máximo de seis meses para o traspaso efectivo da citada autoestrada e ponse por escrito --nunha disposición adicional-- que o cambio de titularidad non suporá ningún incremento dos créditos nin diminución dos ingresos previstos nos presupostos estatais en vigor.

Atasco na AP9
Atasco na AP9 | Fonte: Twitter @manudubert

Unha anterior proposición de lei que non tiña esas especificidades fora aprobada por toda a Cámara autonómica, o que inclúe o PP (coa súa maioría absoluta) e se elevara ao Congreso dos Deputados. Non obstante, o Goberno puxo reparos a que esta iniciativa chegase a ser debatida na Cámara Baixa, facendo valer a súa capacidade de veto a iniciativas lexislativas.

Feijóo faina súa

A pesar das reticencias iniciais do PPdeG, o certo é que Feijóo asumiu como propia esa iniciativa. "Os partidos aceptan que a AP-9 siga sendo unha autoestrada de peaxe, inevitablemente. Hai un contrato asinado e o que se discute non é o réxime concesional, nin enganar os cidadáns para dicir que se se transfire a AP-9 deixarán de ter peaxe", aseverou, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.

A preguntas dos xornalistas, agradeceu o que definiu como un exercicio de "sinceridade" que "cada vez se vai concretando máis por parte dos seus rivais políticos, sobre todo dun, en alusión ao BNG, aínda que non o mencionou, e incidiu en que a iniciativa constata que "o que se discute é a titularidade e non a explotación".

Dito isto, defendeu que, "se o que se discute é o titularidade", el é "partidario" de que esta sexa de Galicia. "Eu non podo discutir sobre a concesión porque foi asinada por Gobernos centrais de todas as cores políticas en Madrid e hai un título concesional ata 2048 que ninguén pode cambiar, salvo facer algo ilegal que supón un recurso e un preito", contrapuxo.

Iso si, mantendo unha situación concesional que "non é a óptima" e "o acordo do Goberno socialista que acreditou o incremento das tarifas unha vez que finalicen as obras de ampliación que están en execución", o presidente manifestou que o Goberno central ten "menos respostas" para dicir que "non" á petición de traspaso da AP-9. "Paréceme máis factible unha transferenecia así e por iso, por unanimidade, insistimos no traspaso", resolveu.

Temas: AP-9 FEIJóO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta