A Xunta destina 1,5 millóns para impulsar 30 novos proxectos para potenciar exportacións de 200 pemes

Feijóo destaca que o incremento da actividade exportadora está "baseado na competitividade da economía"

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/01/2017 | Actualizada ás 19:25 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina 1,5 millóns de euros ao programa 'Galicia Exporta Organismos Intermedios' para impulsar 30 novos proxectos co fin de potenciar as exportacións de 200 pemes galegas.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este xoves tras a reunión do Consello da Xunta esta nova convocatoria para impulsar 30 novos proxectos.

Na rolda de prensa posterior ao consello, Feijóo recordou que Galicia "nunca antes" na súa historia exportara "tanto" como nos anos 2013, 2014 e 2015. Tamén engadiu que, segundo os últimos datos dispoñibles, está previsto que 2016 bata unha nova marca de exportacións.

Dende xaneiro a novembro do ano pasado as vendas ao exterior creceron un 6,1 por cento fronte ao mesmo período de 2015, que xa fora un ano marca, segundo indica a Xunta.

O titular da Xunta remarcou que "é un crecemento baseado na competitividade da economía". En canto á nova convocatoria, Feijóo concretou que concede unha axuda máxima de 150.000 euros para pequenas e medianas empresas e os organismos intermedios empresariais con sede en Galicia.

APROL ECONOMÍA SOCIAL

Por outra banda, a Xunta impulsará a competitividade e o crecemento da economía social en Galicia con programas de apoio que suman case catro millóns de euros.

O Consello da Xunta informou destas iniciativas, do programa Aprol Economía Social, para fomentar o emprego nestas entidades, dotado con máis de 2,5 millóns, que crece con respecto a 2016 nun 8,2 por cento.

A iso súmanse axudas para o asesoramento e formación a través da Rede Eusumo, que conta cunha inversión de máis dun millón de euros, aos cales se suman 300.000 euros de accións directas de formación e asesoramento.

Segundo informa a Xunta, a actuación forma parte do presuposto global que o Goberno galego destina este ano á economía social, que ascende a 18 millóns de euros, un 11,3 por cento máis que en 2016 e se enmarca na Axenda 20 para o Emprego.

Por outro lado, a Consellería de Economía inverterá máis dun millón de euros para o asesoramento, difusión e formación do emprendimiento a través da Rede Eusumo, que conta na actualidade con 168 entidades adheridas e 14 viveiros de empresas.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta