A Xunta aproba a convocatoria 2017 de axudas para paliar os danos por ataques de lobo por case 380.000 euros

Feijóo apunta que en 2014 se contabilizaron 618 ataques de lobos na Comunidade galega e 820, en 2016

Santiago de Compostela | 19/01/2017 | Actualizada ás 19:32 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O Consello da Xunta aprobou este xoves unha orde pola que se convocan as axudas do ano 2017 para paliar os danos ocasionados por ataques de lobo de Galicia cunha contía de 379.958 euros, o que supón un incremento dun seis por cento respecto do importe da anterior convocatoria.

A través desta orde concédense axudas aos titulares de explotacións gandeiras que resultan prexudicadas por ataques de lobo. As contías concedidas articúlanse en función das especies afectadas e tramos de idade, que oscilan entre os 26 euros -ovino adulto maior ou igual a seis anos- e os 1.635 euros -vacún de raza autóctona maior ou igual a dous anos e menor de seis-.

As contías das axudas calcúlanse con base a un baremo e poden incrementarse os importes nun 30 por cento en determinados concellos, que se corresponden con aqueles incluídos na zona 1 do plan de xestión da especie.

Como novidade, segundo informa a Xunta, a orde de convocatoria deste ano inclúe, ademais, aqueles concellos en que se produciran ataques reiterados nos últimos anos, e abrangue, polo tanto, as zonas máis conflitivas. En total, segundo engade, son 74 municipios.

POBOACIÓN ABUNDANTE

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, comentou na rolda de prensa posterior á reunión do seu Goberno que en Galicia "hai unha poboación abundante" que se estende "nunha zona ampla de territorio". "É un expoñente da nosa diversidade", sinalou para engadir que "o lobo ten necesidades alimenticias, o que xera un conflito co sector gandeiro".

Segundo os datos da Xunta, o lobo mantén unha poboación abundante na xeografía galega. Os últimos traballos de censo da especie mostran o dato de presenza en 90 grupos reprodutores (mandas), dos cales 14 serían compartidos con outras comunidades autónomas e Portugal -tres con Asturias, seis con Castilla e León e cinco con Portugal-.

AVISOS

Os datos que constan na Dirección Xeral de Patrimonio Natural, aos que fixo referencia Feijóo, apuntan a que o número de avisos por ataques de lobo en Galicia comunicados nos últimos tres anos se situaron en 618 en 2014; outros 618 en 2015 e 820 en 2016. "Hai máis avisos porque hai interese en avisar e posibilidade de cobrar, pero menos reses afectadas", segundo comentou o mandatario.

Con respecto ao número global de reses afectadas, os datos facilitados pola Xunta revelan que en 2016 foron 1.573 reses, fronte ás 1.466 de 2014; e as 1.258 de 2015.

Por especies, no mesmo período 2014-2016, o ovino destaca como o máis afectado, con 2.449 reses; seguido do gando vacún, con 1.040 reses; equino, 420; e caprino, 388.

RECONVERSIÓN DE VIÑA

Por outra parte, a Consellería do Medio Rural aprobou un total de 10 plans de reestruturación e reconversión de viña por un importe superior aos 490.000 euros, un 3,44 por cento máis que a convocatoria anterior.

Estas axudas aplícanse, segundo informa a Xunta, ás superficies destinadas á produción de uva para elaboración de viño nas cales se leven a cabo tarefas de reconversión varietal, reimplantación ou mellores das técnicas de xestión de cultivos.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta