Forenses declaran que nunca viron "un cadro tan claro da síndrome do neno maltratado"

Sinalan que a lesión se produciu por un "impacto directo" no cranio "contra unha superficie plana"

OURENSE | 19/01/2017 | Actualizada ás 19:51 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Os forenses que declararon este xoves na Audiencia Provincial de Ourense en relación ao xuízo contra unha parella acusada de maltrato habitual, lesións e asasinato en grao de tentativa dun bebé de dez meses en 2014, confirmaron que "é a primeira vez" que viron "un cadro tan claro" da síndrome do neno maltratado.

O menor ingresou o 20 de marzo de 2014 no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), onde o home encargado do seu coidado e compañeiro sentimental da nai naqueles momentos, relatou atopalo no berce cos síntomas dunha presunta morte súbita.

As análises realizadas a raíz de atopar hematomas en diversas partes do corpo do menor e por un brote epiléptico durante a súa estanza en Urxencias revelaron lesións moi graves no cranio e fracturas de diversa antigüidade en tres costelas, o cúbito, o radio, as tibias e un fémur.

Os forenses que analizaron o menor coincidiron en que nunca antes se atoparan cun "cadro tan claro" da síndrome do neno maltratado, en referencia ás numerosas lesións que descubriron tras as análises radiolóxicos e os TACs.

IMPACTO DIRECTO

Para os responsables do Imelga o ingreso do pequeno, o 20 de marzo de 2014, produciuse por un "impacto directo" no cranio "contra unha superficie plana". Aínda que non puideron precisar o momento da lesión consideraron "perfectamente posible" que fose ese mesmo día.

Tamén relataron a existencia de fracturas nos membros do menor "por desprazamentos bruscos" e en tres costelas. Neste caso, os forenses recordaron que os ósos dos bebés "son máis elásticos" e que a forza á que se lles debe someter para fracturalos "ten que ser maior que cunha persoa adulta".

Durante a súa intervención rexeitaron a posibilidade de que o neno tivese "ningún cadro dexenerativo na formación dos ósos" que puidese explicar a existencia de distintas lesións producidas en distintos momentos.

Ademais, sinalaron que "un neno cos ósos fráxiles sofre fracturas dende o primeiro momento da súa vida e non a partir dos dez meses".

TRAUMATOLOXÍA DESCARTA "ÓSOS DE CRISTAL"

Nesta mesma liña manifestouse o responsable de traumatoloxía do CHUO, para o que as imaxes obtidas dos ósos do menor "son compatibles coa síndrome do neno maltratado" e que, "en ningún caso", se corresponden coas de pacientes cos síntomas de "ósos de cristal".

Pola súa banda, os responsables de Pediatría rexeitaron que os hematomas que presentaba o bebé á súa chegada ao hospital se correspondesen coa masaxe cardíaca relatada na primeira xornada do xuízo polo acusado.

O home asegurou o mércores realizar esta manobra de reanimación e respiración asistida ao fillo da súa parella tras atopalo "case sen respiración no berce, boqueando e cos ollos moi abertos pero sen fixar a mirada".

Por parte de especialistas en Pediatría resaltouse que os hematomas que o neno presentaba no peito "tiñan diferente estado evolutivo" e que "non eran todos do día 20".

Tamén rexeitaron a explicación ofrecida pola nai de que as lesións nos ósos fosen froito de que o neno "era inquedo no berce" ou por un posible accidente á chegada ao hospital.

As responsables do servizo de Pediatría relataron que os dous proxenitores "estaban moi nerviosos" e que "increparon" os médicos cando lles apuntaron a posibilidade de que as lesións fosen provocadas.

O NENO CHORABA CANDO VÍA UN HOME

Tamén recordaron que durante o seu ingreso o neno "se botaba aos brazos da súa nai", pero que "choraba cando entraban enfermeiros ou un home" na sala na que estaba interno.

Nas súas conclusións finais o fiscal insistiu en reclamar 14 anos e 10 meses para o acusado polos supostos delitos de malos tratos, lesións e tentativa de asasinato, e para a nai do neno unha pena de 12 e oito meses.

Para o fiscal o home é o "autor material" e "a única persoa que puido levar a cabo a acción agresiva e violenta sobre o menor" que se atopaba ao seu cargo mentres que a súa compañeira estaba nun curso de Cáritas.

A Fiscalía sostén, ademais, que a nai nai "coñecía perfectamente" a conduta agresiva da súa parella, pero que "non fixo absolutamente nada".

Tamén destacou que malia o estado do bebé antes de levalo ao hospital foi buscar a súa compañeira "para poñerse de acordo, porque os médicos se ían decatar de que o neno fora agredido".

LIBRE ABSOLUCIÓN

Pola súa banda, a avogada do acusado solicitou a súa libre absolución baseándose en que "non existen datos" que demostren que provocara ningunha lesión ao neno e por considerar que a súa actuación o día dos feitos ao practicarlle unha masaxe cardíaca e levalo ao hospital "lle salvou a vida".

Na súa alegación final, a avogada recordou que nos días nos que se produciron as lesións do pequeno, o menor "estivo en moitas mans" e rexeitou que non se tivese en conta o historial do pai biolóxico do neno para descartar a posibilidade de lesións óseas por motivos xenéticos.

O avogado da nai do neno tamén reclamou a absolución do seu cliente e incidiu en que se os acusados quixesen a morte do menor "non o levarían á Residencia". Tamén descartou a complicidade do seu clienta ao sinalar que nin sequera os médicos que realizaban as revisións habituais do neno detectaron ningunha fractura.

Ao final do xuízo o acusado reiterou ante o xuíz que "quería coma se fose seu" o fillo da súa excompañeira e que "xamais" lle puxo unha man enriba.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta