Os grupos pactan pedir protección para o Pedregal de Irimia, fomentar os alimentos 'eco' e paliar os ataques do lobo

PPdeG, PSdeG e BNG pechan outros acordos sobre a sementes de faba e a mobilización da terra agraria produtiva

A CORUÑA | 19/01/2017 | Actualizada ás 21:51 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A comisión de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes do Parlamento de Galicia foi este xoves escenario dun elevado grao de consenso, ata o punto de que só unha das seis iniciativas a debate foi rexeitada pola maioría popular e tres delas saíron aprobadas por unanimidade tras unhas breves negociacións que motivaron certos cambios nos textos rexistrados inicialmente. Dos outros dous acordos só quedou fóra En Marea, que optou pola abstención.

Así, os catro grupos sumaron os seus votos para, en senllos textos transaccionados, pedir á Xunta protección para o Pedregal de Irimia, en Meira (Lugo); para demandar á administración autonómica que fomente a alimentación de produción familiar ou ecolóxica en colexios e hospitais públicos e para que axilice as axudas aos gandeiros afectados polo ataque do lobo.

Pola súa banda, as solicitudes á Xunta para que poña a disposición dos produtores sementes certificadas de faba e para que impulse a mobilización de terra agraria produtiva recibiron o respaldo de PPdeG, PSdeG e BNG.

En cambio, non foi posible que as catro forzas parlamentarias alcanzasen un acordo en torno á proposición non de lei de En Marea que pedía unha modificación da Lei de Montes para que os deslindes volvesen ser competencia da Xunta. Se ben obtivo o visto bo do Bloque, os socialistas abstivéronse e os populares opuxéronse.

Adicionalmente, dous dos puntos da proposta de En Marea relativa á comida que se subministra nos edificios públicos tamén foron rexeitados. Así, o PP non aceptou requirir á Xunta que aprobase no primeiro semestre deste ano "un plan de incentivación da compra pública alimentaria responsable" nin impedir o uso de organismos modificados xeneticamente nos menús deses centros.

PROTECCIÓN PARA O PEDREGAL

Entrando no detalle das propostas, o texto pechado entre todos os grupos relativo á protección do Pedregal de Irimia, reclama á Xunta que "reforce" a súa consideración de área de especial protección paisaxística coa figura de Espazo Natural de Interese Local, un trámite xa iniciado dende o propio concello, e que se faga coa "maior dilixencia posible".

O valor "simbólico e paisaxístico" deste lugar foi mencionado polo impulsor da iniciativa, o deputado do BNG Xosé Luís Rivas, 'Mini', e niso concordaron tanto José González (PP) como Davide Rodríguez (En Marea) e José Antonio Quiroga (PSdeG), partidarios os catro de garantir unha figura de protección a este espazo.

COMEDORES PÚBLICOS

No caso dos comedores, foi Paula Quinteiro (En Marea) quen defendeu a importancia tanto para a saúde das persoas coma para a economía local de introducir alimentos de produción local ou ecolóxicos nos menús dos edificios públicos.

Se ben por parte do grupo maioritario, Daniel Vega --que este mesmo xoves foi designado vicepresidente a comisión-- alegou que as compras xa se fan actualmente no comercio local, aceptou reforzar esta actuación coa petición expresa de que se incorporen "criterios de fomento de alimentos de proximidade, de produción familiar ou ecolóxica" nas compras públicas alimentarias dependentes da administración autonómica.

ATAQUES DO LOBO

Para paliar os danos ocasionados polo lobo e á vez asegurar a viabilidade desta especie en Galicia, os catro grupos votaron favorablemente a pedir á Xunta que "continúe no seu labor de axilizar" os pagamentos e que actualice as indemnizacións aos gandeiros.

Con todo, o representante do PP no debate, Carlos Gómez Salgado, apuntou que este mesmo xoves o Consello da Xunta aprobou destinar 380.000 euros, un seis por cento máis que o ano pasado, a este extremo. Ao respecto, tanto 'Mini' como Quiroga recordaron que en 2009 esa partida alcanzaba os 900.000 euros e que tampouco entón era "suficiente".

SEMENTES E CONCENTRACIÓN PARCELARIA

A liña seguida, Raquel Arias (PPdeG) propuxo pedir á Xunta que se poña a disposición dos produtores sementes certificadas do produto amparado pola Indicación Xeográfica protexida Faba de Lourenzá, co fin de que tanto a procedencia da faba como a súa calidade estean garantidas.

Coa parlamentaria lucense coincidiron tanto o Bloque como o PSdeG, convencidos de que tamén supón "unha garantía para o consumidor", mentres Davide Rodríguez expresou as súas dúbidas de que a semente poida rematar "en mans dunha empresa" e iso leve consigo "privatizar" o cultivo. É por iso que, finalmente, En Marea se abstivo na votación.

É a mesma postura que mantivo esta formación ante a solicitude do PP de que a Xunta "complete" os instrumentos normativos que permitan mobilizar terra agraria produtiva, co fin de corrixir a falta de base territorial das explotacións agrogandeiras galegas.

Se ben tanto Quiroga como 'Mini' expresaron as súas dúbidas sobre esta iniciativa e cuestionaron que o Goberno galego estea a impulsar a concentración parcelaria ao final optaron por avalar o texto, algo ao que Paula Quinteiro non se aveu tras criticar a "contradición entre o discurso e a política" do PP.

En fronte, Carlos Gómez avanzou que o Executivo autonómico prevé destinar 80 millóns de euros ao longo deste mandato para a concentración parcelaria, co obxectivo de pechar máis de 130 procesos e lograr así "producións de alto valor engadido".

Finalmente, no relativo aos cambios reclamados por En Marea sobre a Lei de Montes para devolver á Xunta a competencia sobre os deslindes dos montes veciñais mancomunados, tanto o popular Silvestre José Balseiros como José Antonio Quiroga advertiron que esa actuación podería ser adecuada na provincia de Ourense pero non así noutros puntos do territorio.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta