MVP galego no Mundial

O meta cangués Rodrigo Corrales, o mellor na vitoria de España por 36-26 ante Eslovenia no Mundial de Francia. O porteiro do Wisla Plock, a piques de cumprir 26 anos, é o primeiro galego en disputar un Campionato do Mundo de balonmán. A selección de Jordi Ribera, invicta na fase previa, xogará en oitavos contra Brasil.

Por gcdeportes | Vigo | 20/01/2017 | Actualizada ás 10:20

Comparte esta noticia

“We told you, @RFEBalonmano got 2 Phenomenal keeper @Rodrigao016 is the MVP tonight”, recollía hai unhas horas a conta oficial do Mundial de balonmán de Francia (@Hand2017). Ata un espectacultar 44% de paradas no primeiro tempo, para rematar o partido cun 33% (12 paradas de 36). O cangués Rodrigo Corrales, que a vindeira semana cumprirá 26 anos, foi elexido o MVP do encontro na vitoria de España, a quinta consecutiva, por 36-26 contra Eslovenia.

O meta galego, que en Francia debuta coa selección española nun Campionato do Mundo, axudou coas súas paradas ó triunfo claro sobre Eslovenia, selección que en abril, no preolímpico de Suecia, deixara a España sen praza para Río’2016. As intervencións de Corrales xa foran decisivas na vitoria no segundo partido da fase previa contra Tunes (21-26), no que foi o seu debut nun Mundial.

“Representar o balonmán galego nesta cita, sendo un Mundial, éncheme de orgullo e satisfacción, é algo para o cal traballei moito, son momentos de moita felicidade. Saber que hai moita xente en Galicia traballando coas categorías base e que está obtendo mois bos resultados, e poder ser a representación de todos eles, para min é unha responsabilidade moi alta e na que estou moi centrado para deixar o pavillón ben alto”, dixo Corrales na Radio Galega tras ser elexido MVP do partido.

Rodrigo Corrales (Cangas, 24 de xaneiro de 1991), nas filas do Wisla Plock polonés tras saír da canteira do Balonmán Cangas e tralo seu paso polo FC Barcelona, comparte minutos na selección co meta do Barça Gonzalo Pérez de Vargas. Corrales, o primeiro xogador galego en disputar un Mundial de balonmán, xa foi fichado para a vindeira tempada polo todopoderoso PSG francés.  

A selección española remata invicta a fase previa e clasifícase como primeira do grupo B para os oitavos de final, nos que se enfrontará o vindeiro sábado a Brasil. Coa primeira praza, España evita a Francia ata unha hipotética final do Mundial.

O cangués Rodrigo Corrales, decisivo coas súas paradas para España.
O cangués Rodrigo Corrales, decisivo coas súas paradas para España. | Fonte: @ASOBAL

Rodrigo Corrales, debutante nun Mundial e MVP contra Eslovenia.
Rodrigo Corrales, debutante nun Mundial e MVP contra Eslovenia. | Fonte: @Hand2017
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta