Angrois.- O BNG reclama que o xuíz cite a declarar á Axencia Ferroviaria Europea

Lamenta que as vítimas, que afrontan unha semana "moi importante", deban peregrinar a Bruxelas para ser oídas

Santiago de Compostela | 20/01/2017 | Actualizada ás 13:21 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O BNG reclamou este venres que o xuíz que instrúe o caso que investiga a traxedia de Angrois cite a declarar aos directivos da Axencia Ferroviaria Europea (ERA nas súas siglas en inglés), que emitiu un informe moi crítico coa investigación realizada pola comisión de investigación de accidentes ferroviarios (CIAF) sobre o descarrilamento do Alvia no que faleceron 80 persoas en Santiago.

En rolda de prensa, a líder do BNG, Ana Pontón, e a representante do BNG en Europa, Ana Miranda, referíronse á semana "moi importante" que afronta as vítimas de Angrois. Así, como xa é coñecido, serán recibidas por terceira vez pola Axencia Ferroviaria Europea o 25 de xaneiro.

Unha día antes, o 24, exporán ante a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo as súas denuncias contra o Estado español por incumprimento da normativa de seguridade e publicidade enganosa.

Ana Miranda subliñou que "é moi rechamante" que a Axencia Ferroviaria Europea sexa partidaria dun terceiro encontro coa Plataforma Vítimas Alvia 04155, pois "non quedou satisfeita co trato que o Estado deu" ao ditame emitido a mediados de 2016, polo que pode ser unha "reunión transcendental".

Sobre esta cuestión, o Bloque demanda que o xuíz instrutor do caso, Andrés Lago Louro, cite a declara aos responsables da ERA --tal e como demandan as vítimas--, pois "eles non teñen problema en vir", pero o maxistrado "ten que pedir a comparecencia" porque "pode dar un xiro á investigación".

De tal forma, o BNG reitera a petición dunha nova investigación do accidente por parte da CIAF, así como que se abran comisións de investigación parlamentarias en Galicia e Madrid. Segundo recorda Miranda, no informe da ERA apuntábase que "a investigación non foi independente", que non se escoitou as vítimas e que non se abordaron "as causas profundas", senón que solo "se centra no maquinista".

PEREGRINACIÓN A BRUXELAS

Neste sentido, Pontón riscou de "lamentable" que as vítimas "teñan que seguir peregrinando a Bruxelas ante a insensibilidade do Goberno que non os escoita", se ben espera que a visita da próxima semana abra unha "porta de esperanza" para "poñer fin á impunidade".

Así, a líder nacionalista remarcou que, ao igual que o Goberno "pediu perdón" ás vítimas do Yak-42, "é momento de que ese perdón chegue ás vítimas de Angrois" e "o Estado asuma que ten unha responsabilidade".

Iso implica que "as persoas que tomaron decisións políticas de recortar a seguridade no tren galego" deben "pagar por ese erro", porque non é xusto que os únicos que pagasen fosen as vítimas" dunha "neglixencia".

Ademais, Pontón censura que o PP e o Goberno "non teñen o compromiso firme" de rematar ao rede ferroviaria galega, porque se segue "á espera" de saber a data de "cando se vai finalizar o AVE".

REUNIÓN COA ERA

Así, na cita do día 25, Jesús Domínguez, Rogelio Bernardo e Teresa Gómez-Limón (membros da asociación), acompañados da representante do BNG en Europa, Ana Miranda --impulsora desta reunión e das precedentes --, volverán ver as caras co director executivo da Axencia Ferroviaria Europea, Josef Doppelbauer, e os máximos responsables de seguridade deste ente europeo

O maquinista é agora o único investigado na causa, pero durante a investigación xudicial, reaberta pola Audiencia Provincial de A Coruña para dilucidar se Adif e Renfe desenvolveron correctamente a avaliación integral de riscos na liña Ourense-Santiago, chegaron a estalo altos cargos do administrador de infraestruturas ferroviarios.

ESPERANZAS EN EUROPA

O informe que sostén que a investigación de Angrois non foi independente e faltan "elementos clave" foi trasladado ás vítimas en Bruxelas en xullo de 2016, despois de que en novembro de 2015 os responsables da dirección xeral de transporte da Comisión Europea (DG Move) e membros da axencia ferroviaria comprometésense a estudar o seu caso.

O descarrilamento aconteceu o 24 de xullo de 2013, fai agora xa tres anos e medio, e os afectados e os seus familiares non renunciaron ás súas demandas dende entón, coas maiores esperanzas postas agora na actuación de Europa.

De feito, reivindican que, en parte pola súa presión, agora mesmo o xuíz Andrés Lago --segundo instrutor, despois de Luis Aláez-- non descarta facer caso á súa reclamación (coincidente coa do fiscal e a do avogado do maquinista) de pedir un novo informe á Axencia Ferroviaria Europea.

A idea é que sexa este órgano especializado que ditamine sobre a análise de riscos na liña e, en concreto, na curva de A Grandeira, un punto do tramo Ourense-Santiago no que o tren debe reducir a velocidade duns 200 quilómetros por hora a uns 80, e no que non estaba instalado o sistema de control do freado 'ERTMS'.

Así as cousas, neste escenario, o martes 24 e o mércores 25 preséntanse como dúas novas datas importantes para a resolución do caso polo accidente do Alvia. Apenas dous días despois, o 27, remata o prazo para que os peritos acheguen ao maxistrado novos estudios sobre a análise de risco

DÍA 24

O 24 a xornada empezará ás 11,40 horas na comisión de peticións da eurocámara, onde chegaron as denuncias dos afectados da man do BNG a través do grupo dos Los Verdes/Alianza Libre Europea. Alí empezará tomando a palabra a presidenta da comisión de peticións, para dar paso a un membro da Comisión Europea --trátase dun órgano de control ao Executivo--.

Este membro será Josef Doppelbauer, a quen seguirán os grupos parlamentarios e, a continuación, deputados libres. Josep Maria Terricabras e Tatiana Zhdanok (ambos os dous de Los Verdes/ALE) defenderán a tese de que en Angrois hai máis responsabilidades por depurar que o erro do maquinista, e solicitarán que a Axencia Ferroviaria Europea compareza no procedemento do que se encarga o Xulgado de Instrución número 3 de Santiago.

Despois xa lles tocará falar aos peticionarios: Jesús Domínguez ocuparase de expoñer a denuncia por incumprimento da normativa europea de seguridade e Teresa Gómez-Limón fará o propio co suposto delito de publicidade enganosa (a liña vendeuse no seu día como de alta velocidade pero as vítimas critican que non tiña as prestacións necesarias para iso, pola ausencia de 'ERTMS', entre outras cuestións).

Aínda que non é habitual a súa utilización, Doppelbauer poderá volver entón intervir, e ese mesmo día se resolverá sobre se as denuncias seguen o seu curso.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta