O xulgado fixa para o día 31 a audiencia preliminar polo dobre crime das nenas de Moraña (Pontevedra)

O Xulgado de Instrución número 1 de Caldas de Reis (Pontevedra), convocou para o próximo 31 de xaneiro a audiencia preliminar, prevista na Lei do Xurado, sobre a procedencia da apertura de xuízo oral contra David O.R., presunto autor do dobre crime das súas fillas de catro e nove anos de idade en Moraña (Pontevedra).

VIGO | 20/01/2017 | Actualizada ás 14:24 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O Xulgado de Instrución número 1 de Caldas de Reis (Pontevedra), convocou para o próximo 31 de xaneiro a audiencia preliminar, prevista na Lei do Xurado, sobre a procedencia da apertura de xuízo oral contra David O.R., presunto autor do dobre crime das súas fillas de catro e nove anos de idade en Moraña (Pontevedra).

Tal e como comunicou este venres o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a vista está prevista que se celebre ás 10,00 horas do día 31, e nesta non estará presente fisicamente o acusado, que "o fará por videoconferencia". O home atópase dende o 1 de agosto de 2015 en prisión provisional comunicada e sen fianza por estes feitos.

Concluída a audiencia preliminar, no mesmo acto ou dentro dos tres días seguintes, o xulgado ditará auto polo que decidirá a apertura ou non do xuízo oral. No que respecta ao Ministerio Público, xa se interesou a apertura de xuízo oral por estes feitos, a celebrar ante o Tribunal do Xurado na Audiencia Provincial de Pontevedra.

En concreto, o fiscal considera o home autor de dous delitos de asasinato cualificado pola aleivosía e agravados polo feito de que as vítimas eran menores de 16 anos, e engade que concorre a agravante de parentesco, polo que solicitou que se lle impoña a pena de prisión permanente revisable, a primeira destas características que se pide en Galicia.

OS FEITOS

A Fiscalía sostén no seu escrito que David O.R., entre as 8,30 e as 11,00 horas do 31 de xullo de 2015, atopábase no seu domicilio en Moraña coas súas dúas fillas, pasando xuntos o período de visitas das vacacións, cando se desencadearon os feitos.

Así, mantén que David O.R., "con evidente ánimo de rematar coa súa vida e coa finalidade de evitar calquera posibilidade de defensa ou fuxida das menores", os fixo inxerir tres fármacos, "para adormecelas ou polo menos lograr que estivesen cun nivel baixo de conciencia", antes de asasinalas utilizando unha serra eléctrica e un coitelo de cociña.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta