Preséntase un candidato por sorpresa para presidir a patronal galega

A federacións de empresarios de Ourense e Pontevedra reaccionan con críticas ao paso adiante de última hora de Antón Arias, até hoxe número 2 de Fontela na Coruña e líder dos constructores herculinos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2017 | Actualizada ás 18:02

Comparte esta noticia

O construtor coruñés Antón Arias Díaz-Eimil foi o único candidato que se presentou para concorrer ao proceso electoral para presidir a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), que este venres pechaba o prazo oficial de aspirantes. A elección do líder da patronal galega votarase en asemblea en Santiago o próximo venres, 27 de xaneiro. Os empresarios galegos levan meses sen líder, sumidos nunha profunda crise económica e institucional.

Antón Arias Díaz-Eimil durante a sinatura dun convenio coa Xunta
Antón Arias Díaz-Eimil durante a sinatura dun convenio coa Xunta

XOGADA A ÚLTIMA HORA DO NÚMERO 2 DE FONTELA

Diso informou o secretario xeral en funcións da CEG e líder provincial en Lugo, Jaime López, que apuntou que a candidatura de Antón Arias, que contou co aval da Confederación de Empresarios da Coruña -onde o construtor é vicepresidente primeiro-, foi unha "sorpresa" ao presentarse a última hora, xa que ata o xoves se barallaba a posibilidade de que non houbese candidatos.

Confederación de Empresarios da Coruña está presidida por Antonio Fontela, quen xa foi liderou a CEG en épocas pasadas. Fontela, un empresario tradicionalmente moi próximo ao PP, amagara estes días con presentarse de novo, malia que a súa figura non suscita apoios nas provincias do sur.

Preguntado sobre se é o aspirante de consenso que as vicepresidencias provinciais da patronal acordaran buscar, o representante de Lugo recoñeceu que ese consenso deberá gañar agora "día a día", se ben avalou a "bagaxe" deste candidato no ámbito das organizacións empresariais.

NECESITA O 50% DOS VOTOS DA PRÓXIMA ASEMBLEA

"A candidatura cóllenos por sorpresa aos que non a impulsamos, esta candidatura quen a coñecerá perfectamente son os órganos de goberno da Confederación de Empresarios da Coruña", apuntou un Jaime López que avanza que unha persoa "con este perfil" vai contar co apoio dos empresarios de Lugo -se ben matiza, que deberán reunir aos seus órganos de goberno para decidir se se ratifica ese respaldo-.

Se Arias non é proclamada por aclamación o próximo venres deberá procederse a unha votación en asemblea na que primará a maioría simple para decidir se é elixido ou rexeitado. Con todo, López considera que "non é desexable" que non se elixa presidente o día 27, "unha vez que unha persoa dá un paso valente para poñerse á fronte desta organización".

PERFIL DE ANTÓN ARIAS

O coruñés Antón Arias Díaz-Eimil estivo á fronte da da Asociación Provincial de Empresarios da Construción da Coruña e formou parte dos órganos de goberno de Federación Galega da Construción e a Confederación Nacional da Construción. Entre outros cargos, foi conselleiro en Arias Irmáns Construcións; Morteiros e Formigóns do Noroeste (Myhnor) e Canteira de Montesalgueiro.

Licenciado en Socioloxía, Arias son membro da CEG, e conta cun "perfil moi negociador e un gran talante", que "pode ser unha figura que identifique perfectamente o empresariado galego", en palabras de Jaime López.

PONTEVEDRA E OURENSE CRITICAN A FALTA DE CONSENSO

Pola súa parte, as provincias de Ourense e Pontevedra quéixanse da "falta de consenso" sobre este candidato que opta a presidir a patronal galega.

En declaracións a Europa Press, o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), Jorge Cebreiros, quixo diferenciar a persoa da candidatura.

Así, valorou a Antón Arias como un figura con "experiencia" e "moi bo talante", pero remarca que "non é unha candidatura de consenso", pois na xunta de vicepresidentes provinciais do pasado martes nin se puxo sobre a mesa, nin foi avalado.

Ademais, Cebreiros incide en que "non pode ser de consenso" cando "o presidente de Pontevedra e toda a provincia de Pontevedra se decata á unha menos dous minutos de quen vai ser candidato".

Na mesma liña expresouse, en declaracións a Europa Press, o presidente dos empresarios de Ourense, José Manuel Pérez Canal, sobre esa "falta de consenso" do aspirante. "Non sabiamos nada e nunca se falou del", lamenta.

Tamén censura Pérez Canal que "había un pacto" entre as provinciais para que non se presentasen candidaturas se non había unha figura pactada, o cal "rompe". "Non o entendemos", apostila.

Así mesmo, chama a atención sobre que esta candidatura de "última hora conculca" o dereito doutras confederacións provinciais a propoñer candidatos propios.

Esta candidatura chega mentres os empresarios de Ourense e Pontevedra prevían que non houbese candidatos oficiais. Falábase da posibilidade dunha modificación de estatutos e unha presidencia rotatoria.

APOIO DE FONTENLA

Así, Antón Arias preséntase co respaldo dos empresarios coruñeses que lidera Antonio Fontenla, histórico exdirixente da CEG, e dos empresarios de Lugo, á fronte dos que atopa Jaime López.

Jaime López referiuse á "misión" que tiña para "convencer" a Antonio Fontenla de que se presentase de novo como candidato para presidir a CEG, xa que ninguén nese momento estaba a dar "un paso adiante". Sobre este extremo, explicou que o seu empeño "non foi o suficiente", pois Fontenla "nunca ía dar ese paso" se "non era algo totalmente consensuado" entre as provinciais.

Sobre Fontenla, o secretario xeral da CEG dixo: "A súa actitude foi tan xenerosa de cara á organización que deu un paso atrás, sabendo que seguramente gañaría este proceso electoral, porque tiña apoios abondos, pero lle pode máis a organización e os intereses da institución que, evidentemente, os intereses persoais".

De tal forma, López define Arias como alguén que pode ser un "referente privilexiado" para a patronal, mentres sinala que a CEG "ten que estar á altura" do que os empresarios demandan, que "é seriedade".

"Sempre que unha persoa teña ganas de traballar polo consenso, pola unidade, e apoiar ao que o empresariado galego demanda de nós, creo que é importante que unha persoa se poña á fronte desta organización", subliña López.

SITUACIÓN ECONÓMICA "VIABLE"

Así mesmo, o secretario xeral da patronal galega informou de que a CEG "hoxe é unha organización totalmente viable dende o punto de vista económico" tras o seu proceso de reestruturación.

Así, se tomaron medidas de recorte de gasto, que eran "necesarias" e "non se tomaran nos dous anos anteriores", de forma que os custos brutos da estrutura da CEG diminuíron "por debaixo do 50 por cento".

"Tomaron as medidas oportunas e esta casa hoxe é totalmente viable, ten un patrimonio totalmente libre de cargas, co apoio das entidades financeiras," fixo fincapé Jaime López, de forma que a CEG "non ten ningún problema de credibilidade nin de viabilidade".

Finalmente, preguntado sobre se vai seguir como secretario xeral da CEG tras o proceso electoral, Jaime López insistiu en que el está nese cargo "en funcións" ata o día 27, e a partir de aí as decisións que se adopten son "do novo presidente e dos órganos de goberno".

PROCESO

Este proceso electoral chega despois de que Antonio Diéter Moure dimitise en outubro do pasado ano como presidente, nun cargo que asumiu en xaneiro de 2016, ante o baleiro de poder que deixou a saída do vigués José Manuel Fernández Alvariño, motivada á súa vez pola oposición interna que tivo que afrontar durante o seu mandato.

Moure Areán alzouse gañador nunhas disputadas eleccións nas que se impuxo por unha decena de votos ao seu contrincante, o tamén ourensano José Manuel Pérez Canal.

Nos nove meses que estivo á fronte da institución, Moure tivo que afrontar as dificultades económicas da CEG -ao bordo do concurso de acredores por falta de liquidez- e tamén coa súa división interna, con bloqueo ás súas decisións tanto dende Ourense, coma dende Lugo e Pontevedra. A Coruña, con Antonio Fontenla -histórico rival de Fernández Alvariño-, foi en todo momento o seu principal valedor. Dende entón, unha xunta cos líderes provinciais levou a dirección da patronal galega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Fernández Alvariño / seguirá a tecer na sombra / e mentres seguirá a cobrar os dividendos da súa producción de enerxía eléctrica cando os demáis teríamos que pagar por poñer una placa solar él ten os dous tellados das naves cuberto de placas e facturando... Espabilado de carallo (supoño que daquela cobraría tamén as subvencións correspondentes pola instalación de enerxía solar!) https://www.google.com/maps/d/viewe...