Villares apela aos "proxectos" fronte ás "persoas" na presentación da candidatura Máis Alá! na Coruña

Ferreiro avoga "pola coralidade" de voces, que reivindica como "sinal de distinción" das mareas municipalistas

Santiago de Compostela | 20/01/2017 | Actualizada ás 19:56 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O voceiro parlamentario de En Marea no Congreso e candidato de Máis Alá!, Luis Villares, reivindicou os "proxectos" fronte ás "persoas", en declaracións aos xornalistas antes da presentación desta candidatura na Coruña no proceso interno de primarias ao Consello das Mareas.

Mentres, o alcalde herculino, Xulio Ferreiro, -que asistiu á presentación dunha candidatura integrada por cinco membros da Marea Atlántica-, avogou "pola coralidade" de voces, que reivindicou como "signo de distinción" das mareas municipalistas

A preguntas dos xornalistas, Villares cualificou de "falso" o debate sobre quen ou quen deben exercer como voceiro no partido instrumental. "O relevante é o proxecto de unidade", remarcou.

Así, asegurou que non é "un problema de persoas, senón de proxectos". Mentres, defendeu que é "compatible" que existan "voces para a actualidade política e unha voz orgánica para os asuntos máis internos".

Por outra parte, do proxecto, asegurou que se trata dunha proposta "de unidade". Da candidatura que encabeza, considerou que é "a que explica mellor que ningunha outra o espazo de confluencia e de suma". "Non hai atallos para a unidade popular que non pasen por sumar", sentenciou.

"PLURALIDADE" DE EN MAREA

Pola súa banda, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, coincidiu con Villares en que se trata da candidatura que "reflicte máis o que é a pluralidade de En Marea.

"O debate é qué tipo de organización queremos e como debe servir a Galicia", sinalou sobre os posicionamentos respecto a se debe existir un voceiro ou varios en En Marea. Ao respecto, Ferreiro sinalou que a candidatura de Máis Alá! "defende a coralidade".

"É un signo de distinción das mareas municipalistas", dixo o rexedor para quen é necesario tamén apostar "por xente nova". "Canto máis músculo en primeira fila, mellor", sentenciou.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta