Derrota do Breo en Palencia

O Cafés Candelas perde 97-89 en terras palentinas tras encaixar un parcial de 15-2 no arrinque do último cuarto. Sétima derrota dos de Natxo Lezcano, que perden ademáis o basket-average co rival. Matt Stainbrook, máximo anotador dos lucenses con 17 puntos. A vindeira semana, descanso pola Copa.

Por gcdeportes | Lugo | 21/01/2017 | Actualizada ás 01:15

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Palencia 97:
Sdani Rodríguez (22), Roma Bas (11), Joan Tomás (5), Mamadou Samb (19) e Barnes (9) –cinco inicial- Maldunas (10), Jhornan Zamora (8), Marc Blanch (13) e Robert Valge (0).
Cafés Candelas Breogán 89: Josep Franch (13), Rafa Huertas (5), Salva Arco (9), Gilling (16) e Matt Stainbrook (17) –cinco inicial- Lobito Fernández (10), Geramipoor (2), Sergi Quintela (12) e Fakuade (5).
Parciais: 20-19, 31-24 (51-43), 15-29, 31-17 (97-89).
Árbitros: Jose Antonio Pagán Baró e Enrique López Herrada. Sen eliminados. Sinalaron 20 faltas a Palencia e 27 a Breogán.
Incidencias: partido da 21ª xornada da LEB Ouro disputado no pavillón Marta Domínguez ante 2.500 espectadores, entre eles case un cento de breoganistas. Josep Pérez e Urko Otegui, baixas no Palencia, e Iván Cruz, no CB Breogán.

Salto inicial entre Matt Stainbrook (17 puntos) e Samb (19).
Salto inicial entre Matt Stainbrook (17 puntos) e Samb (19). | Fonte: feb.es

Soñaba o Breogán coa vitoria tras un espectacular terceiro cuarto no que chegou a ter oito puntos de vantaxe (64-72). Pero un parcial de 15-2 no arrinque do último asalto, no que encaixou 31 puntos, tirou por terra as opcións lucenses. Chegou a poñerse 91-88 tras unha tripla de Jonathan Gilling, pero Palencia sentenciou dende o tiro libre: 97-89.

Os locais anotaron ata un 50% nas triplas (11/22) e acabaron con 26/29 nos tiros libres, por 9/14 dos lucenses: ata 17 puntos de diferenza dende o 4,60, demasiada para as aspiracións celestes. Breogán sumou a sétima derrota e queda a dúas de Palencia, xa que perdeu o basket average (89-87 en Lugo). A vindeira semana, descanso pola Copa; e despois, Breo-Lleida no Pazo.

Menudo acerto de Palencia no arrinque do partido, con dúas triplas de Roma Bas e outras dúas de Samb para poñerse 16-9. Natxo Lezcano deu entrada a Lobito Fernández e Sergi Quintela, e reaccionaron os lucenses cun parcial de 0-8. Igualdade tralos dez primeiros minutos: 20-19.

Demasiados puntos (31) encaixou Breogán no segundo acto. Palencia sumaba de tres en tres (2+1 de Blanch e Maldunas entre protestas de Lezcano) e os casteláns abriron oco: 38-30. Achegouse Breogán cunha tripla de Lobito e os puntos de Matt Stainbrook (41-40), pero Palencia acadou un parcial de 10-3 e foise ao descanso oito arriba: 51-43. Palencia sumaba 8/14 nas triplas e dominaba o rebote: 19-12.

Parcial lucense de 2-10 para empatar o partido e tempo de Palencia. Josep Franch anotou 7 puntos, Gilling 5, e o Breo púxose por diante. Lobito Fernández colleu a testemuña e os lucenses chegaron aos últimos dez minuto con 66-72 tras un parcial espectacular de 15-29.

Pero todo se torceu no arrinque do último asalto: dúas faltas de Geramipoor sobre Samb e unha tripla de Joan Tomas e Palencia xa gañaba 78-72. Lezcano parou o partido e recibiu unha técnica por protestar a diferenza de medir os contactos nos dous campos. Técnica, catro minutos sen anotar dos lucenses e parcial de 15-2. Lezcano parou de novo o partido con 81-74, pero o Breo xa foi sempre a remolque. Catro tiros libres de Dani Rodríguez e unha tripla de Romas Bas e máxima vantaxe (90-78) local. Os lucenses achegáronse a tres (91-88), pero unha intencionada acabou coas opcións de vitoria breoganistas. Ao final, 97-89.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta