Monforte e a Ribeira Sacra achegan os seus encantos a Fitur

A promoción enmárcase dentro da campaña 'Lugo cambia', organizada pola Deputación de Lugo. O alcalde monfortino exalta en Madrid a gastronomía, o sector vitivinícola e o valor cultural da comarca.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 21/01/2017 | Actualizada ás 11:34

Comparte esta noticia

Monforte e a Ribeira Sacra contaron cun escaparate especial na Feira Internacional de Turismo (Fitur) en Madrid para promocionar os seus encantos. O alcalde de Monforte, José Tomé, estivo alí para presentar a nova campaña de promoción da provincia, 'Lugo Cambia', organizado pola Deputación, e na que se enmarcan as actividades vinculadas coa Ribeira Sacra e a súa capital.

Promoción de Monforte e da Ribeira Sacra en Fitur.
Promoción de Monforte e da Ribeira Sacra en Fitur.

Durante a súa intervención, o mandatario local enumerou a multitude de motivos polos que se debe visitar a comarca. En primeiro lugar, José Tomé, fixo referencia á paisaxe da zona, que cualificou de “única no interior de Galicia, e que está definida polas ladeiras dos canóns do Miño e do Sil con pendentes de ata o 80% e que se complementa ademais cunha flora e unha fauna moi rica e variada”.

Por outra parte, o rexedor loou a gastronomía da zona, “moi variada, con produtos autóctonos de calidade e todos eles cunha preparación exquisita, tal e como quedou demostrado na presentación da guía ...E para comer Lugo, da Asociación de Hostaleiros, e que a pesar de ser un slogan moi coñecido, responde a unha realidade”.

A importancia do sector vitivinícola na comarca da Ribeira Sacra foi outro dos argumentos empregados polo alcalde para animar os asistentes a descubrir a zona. José Tomé explicou que “se trata dunha denominación de orixe na que o seu Consello Regulador ten sede Monforte".

Ademais, Tomé, fixo referencia ó valor cultural de toda a comarca. Neste aspecto, destacou que a Ribeira Sacra alberga a segunda maior concentración de arte románico de Europa. Tamén subliñou que “temos monumentos tan importantes como o edificio dos Escolapios, tamén coñecido como o Escorial galego; o museo de arte sacro e italiano do século XIV coñecido como museo das Clarisas, e dispoñemos do Parador de Ribas de Sil e doutro en Monforte”.

Durante a intervención non faltaron as referencias ó VII Conde de Lemos, “que foi mecenas de grandes autores e unha figura á que Cervantes adicou a segunda parte de El Quijote como sinal de agradecemento”.

A oficialización do Camiño de Inverno é outra das razóns esgrimidas por José Tomé en Fitur para promocionar a Ribeira Sacra: “Agora temos un motivo mais para visitar a nosa zona. Os peregrinos van atopar nesta ruta unhas mellores condicións climatolóxicas para chegar a Santiago, respecto doutras rutas xacobeas.  Por outra parte, a recente novela gañadora do Premio Planeta Todo esto te daré, de Dolores Redondo, ten a súa trama ambientada na Ribeira Sacra”, explicou o alcalde.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta