Leyma, de principio a fin

O Básquet Coruña tomou a dianteira cun parcial de 0-13 no primeiro cuarto e controlou o partido ata vencer 85-89 a Araberri, cun espectacular Dago Peña, autor de 27 puntos e 5/6 en triplas, e sen Zach Monaghan. Os de Tito Díaz, quintos con 13 vitorias.

Por gcdeportes | A Coruña | 22/01/2017 | Actualizada ás 09:34

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Araberri 85:
Alvarado (6), Hearst (16), Berhanemeskel (27), Cvetinovic (7), Kyle Rowley (10) –cinco inicial- Durchev (14), Martín Buesa (2), Iván García (3), Akingbala (0) e Markel López (0).
Leyma Coruña 89: Joan Creus (11), Dago Peña (27), Larry Abia (9), Zyle (18), Sergio Olmos (11) –cinco inicial- Filip Djuran (2), Javi Lucas (0), Ángel Hernández (0), Pablo Ferreiro (2), Mikulic (5) e Tautvydas Sabonis (4).
Parciais: 17-28, 23-16 (40-44), 22-25 (62-69), 23-20 (85-89).
Árbitros: Javier Torres Sánchez e Jorge González Zumajo. Eliminaron por cinco faltas persoais a Ángel Hernández e Joan Creus.
Incidencias: partido da 21ª xornada da LEB Ouro no pavillón Mendizorroza. Zach Monaghan non puido xogar pola viaxe a Estados Unidos pola morte dun familiar.

Pablo Ferreiro dispuxo de minutos en Mendizorroza pola ausencia de Monaghan.
Pablo Ferreiro dispuxo de minutos en Mendizorroza pola ausencia de Monaghan. | Fonte: @Araberri

Agás uns minutos de dúbidas no arrinque do segundo cuarto, no que encaixou un parcial de 15-3 e chegou a perder 32-31, o Leyma Coruña, da man dun excelso Dago Peña (27 puntos con 5/6 en triplas) controlou o partido en Mendizorroza ante Araberri e acabou vencendo 85-89, a 13ª vitoria en 21 xornadas da LEB Ouro.

A falla de 2:46, Leyma gañaba 74-85; os vitorianos achegáronse a catro tras un erro con antideportiva de Joan Creus, pero a vitoria non estivo en perigo. “Vitoria merecida nun campo difícil e ante un bo rival”, sentenciou Tito Díaz. E sen Zach Monaghan, de viaxe en Estados Unidos polo falecemento dun familiar. Leyma acabou cun 12/22 en triplas (55%); Araberri meteu 13, pero con 35 lanzamentos (37%). Os coruñeses seguen cara a arriba e son quintos con 13 triunfos.

Tras un intercambio de canastras (8-8 con catro puntos de Zyle e catro de Olmos), Leyma Coruña deu un estirón cun parcial de 0-13 e 7 puntos de Dago Peña. Malia o tempo de Araberri, os coruñeses fóronse ata un 8-21. Berhanemeskel e Durchev anotaron dende 6,75, pero Joan Creus tamén e Leyma gañaba 17-28 tras dez minutos.

Os coruñeses non vían aro e os locais acadaron un parcial de 10-3 con triplas de Hearst e Cevtinovic. Só unha tripla de Mikulic en máis de cinco minutos e Tito Díaz parou o partido a 4.39 do descanso. Tralo 32-31 en contra, reaccionou Básquet Coruña con triplas de Larry Abia e Joan Creus, e chegou ao descanso con 40-44 e un espectacular 6/9 en triplas.

Cada tripla local, resposta galega. Dúas de Dago Peña e outra de Joan Creus, e Leyma, con defensas alternativas durante todo o partido, mantiña unha pequena vantaxe entre 5 e 8 puntos. Djuran pechou o cuarto para poñer o 62-69.

Durchev anotou dúas triplas (69-71), pero contestou Dago Peña con outras dúas (69-77). Berhanemeskel anotou dende 6,75, pero respostou de novo Dagoberto (74-83), e un mate de Sabonis puxo o 74-85. A vitoria estaba no peto, pero Leyma deixou cun par de precipitacións que Araberri se achegase no marcador. Joan Creus pecou de inocente nun campo atrás e cometeu antideportiva, pero Leyma impúxose ao final por 85-89.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta