Jesús Vázquez cre que non se deixará de "falar de moción de censura nos dous anos que quedan" antes das municipais

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, opinou que non cre que se deixe de "falar de moción de censura" contra o seu goberno na Casa do concello ourensán "nos dous anos que quedan" antes das municipais de 2019.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/01/2017 | Actualizada ás 17:51 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, opinou que non cre que se deixe de "falar de moción de censura" contra o seu goberno na Casa do concello ourensán "nos dous anos que quedan" antes das municipais de 2019.

Así o indicou o rexedor ourensano nunha entrevista en RNE recollida por Europa Press, logo dunha semana na que se volveu barallar a posibilidade de que a oposición presentase unha moción de censura contra o PP, que goberna a Cidade das Burgas en minoría, finalmente descartada polos grupos socialistas e de Ourense en común polas súas reticencias a converter a Gonzalo Pérez Jácome en alcalde da cidade.

"Todos somos conscientes de que gobernamos con 10 de 27. Estamos a tratar de chegar a puntos de encontro, que os houbo e os hai, independente do papel político que non comparto e que moitas veces é difícil de entender, pero que ás veces se xoga e é o que está a facer dende a oposición", manifestou.

"Quedan dous anos para as eleccións e dubido que en cada un dos plenos que quedan deixemos a palabra moción", indicou Vázquez, quen vaticinou que a Corporación municipal seguirá vivindo "a mesma tónica" de "obstaculizar" e "impedir" que "se poidan desenvolver proxectos" nesta cidade.

"Hai unha persoa que o seu obxectivo non é defender esta cidade", incidiu o rexedor, en clara alusión Gonzalo Pérez Jacóme, líder de Democracia Orensana, do que Vázquez opina que "conseguiu arrastrar a outros grupos" e que "fai dano á propia cidade".

Para o exconselleiro de Cultura da Xunta, Democracia Orensana practica unha política de "confrontación" e que, mesmo, "provoca e insulta dun xeito terrible", o que deixa un clima de "inestabilidade" na cidade que pon "na corda frouxa" algúns investimentos de "institucións privadas" ás que esta situación "non lles gusta".

"Dentro de dous anos a cidade volverá falar. Déronse unhas circunstancias complexas hai ano e medio e os partidos tradicionais pagamos as consecuencias; probablemente porque o mereciamos ou fixemos algunhas cousas mal. E seguímolo facendo, todos cometen erros; pero creo que hai situacións que non son comprensibles", manifestou.

CHEGADA DO AVE E ESTACIÓN

En relación á chegada do AVE a Ourense e a posibilidade de que finalmente non se constrúa a variante proxectada --como apuntou hai unhas semanas o ministro de Fomento, Íñigo De la Serna--, Vázquez confía que o ano 2017 sirva para "despexar todo tipo de dúbidas" ao respecto.

"Non renunciaremos á variante, á chegada do AVE a esta cidade nunhas condicións óptimas, independentemente de se nos gustaría que chegase canto antes,", asegurou.

Nesta liña, tras recordar que a liña A Coruña-Santiago-Ourense incrementou o seu número de viaxeiros "nun 48 por cento" o pasado ano, Vázquez incidiu en que a chegada da AVE á cidade tería "un efecto positivo" sobre o turismo, ao tempo que prometeu que "Ourense terá unha estación singular de deseño que será magnífica".

PROMOCIÓN TURÍSTICA

O rexedor ourensán estivo nos últimos días na Feira de Turismo Internacional (Fitur) facendo promoción da cidade que, na súa opinión, ten a capacidade de "atraer turismo familiar" e ser "un plan perfecto" para "unha escapada de fin de semana".

En relación a iso, a oferta turística de Ourense non queda relegada unicamente a ao ámbito termal, senón que "hai que sumar o patrimonio artístico que é moitísimo xunto á parte cultural e gastronómica".

"Pretendemos incrementar o número de visitantes e o número de pernoctaciones para que sectores asociados como o comercio se vexan beneficiados desa suba no turismo, que xa este ano deuse en torno ao 15%", incidiu.

Respecto ao que definiu como unha das "carencias" da cidade, a existencia dun "grande hotel balneario", Vázquez apuntou que o Concello conta co "compromiso positivo e decido" das demais administracións (Xunta e Deputación), que están a "actuar como un todo decidido" para levar a cabo o proxecto.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta