O FC Porto máis galego

Presentación no estadio do Dragão do equipo ciclista W52-FC Porto-Mestre da Cor, que esta campaña conta con ata tres ciclistas galegos: Gustavo Veloso, un ano máis o xefe de filas, o cambadés Ángel Sánchez e a fichaxe do porriñés Jacobo Ucha.

Por gcdeportes | Compostela | 23/01/2017 | Actualizada ás 09:07

Comparte esta noticia

No estadio do Dragão, no descanso do partido entre FC Porto e Rio Ave, presentouse oficialmente o equipo ciclista W52-FC Porto-Mestre da Cor, que un ano máis estará liderado polo arousán Gustavo César Veloso, a piques de cumprir 37 anos. Ademáis, entre os corredores que recibiron os aplusos dos 43.328 espectadores, estarán o cambadés Ángel Sánchez Rebollido e o porriñés Jacobo Ucha, unha das tres fichaxes do equipo, ambos os dous con 23 anos. Deste xeito, serán tres os ciclistas galegos no W52-FC Porto.

“Os obxectivos son os mesmos dos últimos anos. Penso que, tanto a nivel individual como colectivo, a Volta a Portugal é o grande obxectivo, e despois manter durante toda a tempada un bo nivel, colocando sempre a ciclistas nos postos de diante. Sabemos que é complicado estar aí, pero ese é o obxectivo. Temos un equipo de bos ciclistas, prácticamente o mesmo do ano pasado, e cunha boa planificación iso vólvese máis doado. É importante levar o nome do FC Porto e dos nosos patrocinadores a calquera lugar sempre cun nivel alto de profesionalidade”, apunta Gustavo César Veloso, gañador da Grandíssima no 2014 e 2015, na web do FC Porto.

“En primeiro lugar, agardo acomodarme rápidamente, coñecer os compañeiros e ser parte integrante para axudar. Veño con moita ilusión, tamén polo feito de que se abren algúns horizontes internacionais. Son un gran corredor, forte nas probas contra o reloxo e que se defende ben nas chegadas ao esprinte”, apunta Jacobo Ucha.

Despois do regreso do FC Porto ao ciclismo no 2016, e a conquista da Volta a Portugal 34 anos despois con Rui Vinhas, os Dragões parten en 2017 coas mesmas expectativas de vencer na Grandíssima. Coa dirección deportiva de Nuno Ribeiro, a W52-FC Porto-Mestre da Cor conta neste 2017 cun total de 14 ciclistas: Gustavo César Veloso, Jacobo Ucha, Ángel Sánchez Rebollido, António Carvalho, Daniel Freitas, Amaro Antunes, João Rodrigues, Joaquim Silva, Nacho Pérez Martin, Raúl Alarcón, Ricardo Mestre, Rui Vinhas, Samuel Caldeira e Tiago Ferreira.

Ribeiro destaca a Volta a Portugal como o obxectivo central dunha campaña na que pretende acadar o maior número de vitorias posíbel, porque coa camisola azul e branca “é importante non decepcionar os afeccionados e as persoas que están no procecto”. Sobre o calendario, que arrinca coa Vuelta a Valencia (1 a 5 de febreiro), Nuno Ribeiro admite que o obxectivo é aumentar o número de probas internacionais.

O W52-FC POrto, con Veloso, Ucha e Ángel Sánchez, na presentación no estadio do Dragão.
O W52-FC POrto, con Veloso, Ucha e Ángel Sánchez, na presentación no estadio do Dragão. | Fonte: fcporto.pt

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta