As primeiras licitacións de Rozas mellorarán a xestión de recursos acuáticos, territorio e control de tráfico aéreo

Estas sete licitacións supoñen 14 millóns e publicaranse entre maio e xuño, tras recibir 149 ideas na fase de consultas a mercado

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2017 | Actualizada ás 15:37 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O Goberno galego avanza no desenvolvemento do polo tecnolóxico de avións non tripulados de Rozas e, unha vez realizadas as consultas a mercado, prevé publicar entre maio e xuño as sete primeiras licitacións no marco deste proxecto, que aspiran a mellorar a xestión dos recursos acuáticos, territorio e sistemas de control de tráfico aéreo. O seu importe total ascende a 14 millóns.

Así o ratificou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, nun acto celebrado este luns no Centro de Novas Tecnoloxías de Santiago, que acolleu a presentación do III Workshop do polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados de Rozas. Na cita participaron case 300 representantes do ámbito empresarial, social e universitario.

Entre outros cargos, tamén acudiron á xornada o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato; e a responsable autonómica de Medio Rural, Ángeles Vázquez; ademais do director xeral do Instituto Nacional de Técnicas Aeronáuticas (INTA) do Ministerio de Defensa, Ignacio Azqueta.

Precisamente, Azqueta celebrou a aposta da Xunta polo desenvolvemento da aeronáutica, unha "industria estratéxica" que xera emprego de alta cualificación e que sufriu un impacto da crise "moito máis leve" que outros sectores económicos. Neste sentido, manifestou o seu desexo de que o Executivo que lidera Alberto Núñez Feijóo siga confiando e "indo da man" co INTA.

Á súa vez, Rueda destacou o compromiso da Xunta co polo de Rozas, que conta cunha inversión total de 150 millóns e supón unha aposta polo incremento de competitividade con base na innovación, a creación de emprego estable e a atracción do capital privado a Galicia, ademais do desenvolvemento do aeronáutico galego.

Conde subliñou que, unha vez realizadas as consultas a mercado -- con 149 ideas, das que 104 corresponden a empresas e entidades galegas -- , xa se pode empezar a concretar as "solucións" tecnolóxicas, coas sete primeiras licitacións, que se publicarán nuns meses e o obxectivo das cales non é só prestar "mellores servizos aos cidadáns", senón tamén fixar tecido empresarial en Galicia.

Neste sentido, destacou o carácter cooperativo do proxecto de Rozas, coas Administracións central e autonómica implicadas, ademais de Indra e Inaer. Engadiu que "este sono, que é unha realidade", non sería posible sen a implicación do tecido empresarial da comunidade, as universidades e os centros tecnolóxicos.

MELLORAS EN TRES ÁREAS

Con estas sete licitacións, a Xunta empeza a executar o convenio asinado co Ministerio de Industria, Economía y Competitividad para desenvolver a fase de solucións, que conta cunha inversión global de 24 millóns, dos que 14 destinaranse ao financiamento destas sete primeiras solucións.

En concreto, para mellorar a xestión eficiente dos recursos mariños, licitaranse dúas iniciativas que, mediante o uso de sistemas non tripulados, melloren a seguridade marítima e laboral da pesca de baixura, e faciliten o control de calidade da auga, tanto no mar coma nos ríos galegos.

En canto a ordenación do territorio, buscarase optimizar o control dos recursos forestais mediante a realización de mapas; dar un salto cualitativo para automatizar a obtención de cartografía e topografía; e mellorar a planificación do territorio a través dos datos sobre ocupación do chan.

Tamén aproveitar as vantaxes do Big Data para contar cun sistema de xestión de toda a información que proporcionen os vehículos non tripulados. Ademais, sacarase a concurso un sétimo proxecto que permitirá á Xunta contar coa tecnoloxía máis avanzada á hora do control do tráfico aéreos.

CONTRATACIÓN

Conde subliñou que Rozas situará a Galicia non solo como pioneira no sector dos vehículos non tripulados, senón tamén na tramitación dos procesos de contratación dos servizos, tendo en conta as necesidades reais dos cidadáns e o que poden ofrecer dende o propio mercado.

Así, ademais da compra pública innovadora e precomercial, a Xunta engade nestas licitacións unha terceira ferramenta: a asociación para a innovación, o que permite traballar a empresas e administracións de forma coordinada tanto no deseño e creación dos servizos solicitados coma na súa posterior venda no mercado.

Non en van, o conselleiro resaltou que esta fase de solucións facilita a participación das pemes e dos centros tecnolóxicos e de investigación galegos, pois terán a posibilidade de formar consorcios para optar ás licitacións. Así, ábrese unha ventá de oportunidades" tanto para as empresas aeronáuticas coma para pemes doutros sectores estratéxicos como o naval, a automoción e as TIC.

O mapa destes sete futuros servizos que se desenvolverán en Rozas publicaranse este luns na web de Gain e abrirase un período de consulta pública no que poden participar as case 150 empresas que presentaron proposta. A continuación, a Xunta concretará as especificacións funcionais dos novos proxectos.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta