En Marea esixe á Xunta explicacións pola poxa de La Solana e pide o cesamento do presidente do Porto da Coruña

O Concello confía en lograr aínda unha "cesión gratuíta" ante a reunión este venres con Portos do Estado

A CORUÑA | 23/01/2017 | Actualizada ás 17:12 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O vicevoceiro de En Marea no Parlamento galego, Antón Sánchez, reclamou á Xunta o cesamento do presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Enrique Losada, pola súa decisión de sacar a poxa os terreos de La Solana e o hotel Finisterre en contra do posicionamento do Concello da Coruña, que os reclama.

Sobre esta poxa, en declaracións aos xornalistas, o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda do Consistorio coruñés, Xiao Varela, precisou que, polas noticias das que dispoñen, a poxa está "paralizada" despois de que se convoque unha reunión co presidente de Portos do Estado, José Llorca, este venres na Coruña.

En relación á poxa, -acordada no consello de administración co apoio, entre outros, da conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato-, Antón Sánchez sinalou que este mércores, no Parlamento galego, preguntarán á conselleira "por esta operación especulativa".

"Ten que dar explicacións en nome do goberno galego e do PP", sinalou ante unha operación que cualificou como "un roubo" á cidadanía. Ademais, manifestou que, nas súas iniciativas, piden tamén o cesamento do presidente do Porto da Coruña "por a súa nefasta xestión".

"Con isto -dixo sobre a poxa- non se vai resolver a situación financeira da Autoridade Portuaria", apuntou en alusión aos investimentos no Porto Exterior.

VONTADE DE NEGOCIACIÓN

Pola súa banda, o concelleiro de Rexeneración Urbana asegurou que, segundo as súas últimas novas, o Porto ten "paralizada a poxa" ante a convocatoria dunha reunión co Concello e o presidente de Portos do Estado este venres.

Xiao Varela, que vinculou tamén a medida coas mocións en contra da poxa aprobadas no pleno municipal e á mobilización cidadá, asegurou que a "aspiración" do goberno local é lograr unha cesión gratuíta dos terreos. Con todo, admitiu que están dispostos a negociar "outras posibilidades para que o chan non se privatice".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta