Pleno.- Feijóo busca o acordo e propón aos grupos pactar o experto de Galicia para a comisión de financiamento

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, buscou este martes o acordo coa oposición, á que trasladou varias propostas concretas en distintas áreas como demografía, loita contra a violencia machista e financiamento autonómico. De feito, formulou a todos os grupos da Cámara pactar o experto chamado a representar a Galicia na comisión que, nun mes, empezará a traballar para deseñar un novo modelo de financiamento.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2017 | Actualizada ás 14:00 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, buscou este martes o acordo coa oposición, á que trasladou varias propostas concretas en distintas áreas como demografía, loita contra a violencia machista e financiamento autonómico. De feito, formulou a todos os grupos da Cámara pactar o experto chamado a representar a Galicia na comisión que, nun mes, empezará a traballar para deseñar un novo modelo de financiamento.

Nunha comparecencia na que fixo balance da recente Conferencia de Presidentes, Feijóo anunciou que o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, contactará cos grupos do Hórreo para intentar chegar a un acordo sobre o nome da persoa que debe representar á comunidade nesta comisión de traballo -cada autonomía achegará un experto- encargada de realizar un informe que despois analizará o Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF).

En segundo lugar, Feijóo recuperou un ofrecemento formulado nunha sesión de control anterior: que a oposición se sume ao traballo que está a realizar o Observatorio Demográfico, co fin de sentar as bases dun pacto social e económico que sustente unha lei de impulso demográfico, e que permita unha postura de país que achegar na estratexia estatal que se prevé elaborar para enfrontar este reto.

Ao tempo, comprometeuse a comparecer na Cámara cada vez que haxa unha Conferencia de Presidentes e anunciou que o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, fará o propio cando se produza a comisión de seguimento semestral.

En cuarto lugar, anunciou que o PPdeG buscará unha postura conxunta tamén para afrontar a loita contra a violencia machista. Con tal fin, os populares presentaron unha emenda a unha iniciativa que este mesmo martes defenderá o BNG na Cámara, co obxectivo de obter un acordo conxunto que trasladar á comisión que abordará especificamente esta cuestión no Senado.

En canto á resposta da oposición, todos os grupos lle agradeceron a súa comparecencia no Hórreo, aínda que tamén o botaron en cara que non acudise antes da cita de Madrid. O grupo máis favorable ás súas propostas foi o PSdeG, se ben o seu voceiro parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga, advertiu que o consenso debe partir dos criterios de financiamento, non solo nun nome. Tamén lle esixiu "unha cifra" sobre a mesa.

O voceiro parlamentario de En Marea, Luís Villares, proclamou que Galicia necesita 2.650 millóns de euros máis e pediu a Feijóo que "non se peche portas" e que reivindique a posición de Galicia como "nacionalidade histórica". "Galicia non é unha provincia nin unha rexión", advertiu, mentres a súa homóloga no BNG, Ana Pontón, se reafirmou na súa defensa do concerto e esixiu a Feijóo que non baixe a Galicia "do tren das nacións", reclamando unha negociación bilateral.

O presidente replicou que manterá as "relacións bilaterais" co Goberno e, como exemplo, avanzou que a semana que vén se reunirá con tres ministros, pero insistiu en que as cuestións que afectan a "todos" en España deben ser abordadas nun marco multilateral.

(HABERÁ AMPLIACIÓN)

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta