As estreas de Voadora, Talía Teatro e Excéntricas, entre os 300 espectáculos da Rede Galega de Teatros ata xuño

Haberá actuacións en preto de 40 municipios con producións de máis de 100 compañías

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2017 | Actualizada ás 19:12 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) presentou o seu programa para o primeiro semestre do ano, no que ofrecerá un total de 321 funcións e espectáculos en 43 escenarios de 39 municipios da Comunidade. Os espectáculos correrán a cargo de 109 compañías, das que un 90 por cento son galegas.

Na presentación, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, destacou a "positiva recuperación dos espectáculos de gran formato" e a "liña ascendente" en inversión, funcións e número de compañías da rede.

Neste sentido, o director de Agadic resaltou que catro das producións con maior percorrido deste ciclo pertencen a este formato e que tres delas -'A cabeza de dragón', de Producións Teatráis Excéntricas; 'Soño dunha noite de verán', de Voadora; 'Ubú Rei', de Talía Teatro- serán estreas absolutas.

De feito, Sutil destacou que cada vez son máis as compañías que elixen esta rede para as súas estreas, o que converte a RGTA nunha "peza básica no avance das industrias culturais galegas".

INCORPORACIÓN DE MÁIS CONCELLOS

Pola súa banda, a presidenta da asociación Escena Galega, Belén Pichel, aínda que "celebra" a melloría cre que "non é suficiente". Para ela, débese traballar en que haxa maior número de representacións por compañía e en que se adhiran máis espazos.

Sobre este tema, Sutil recordou que a rede "é aberta", polos espazos pódense unir "cando queiran", e recordou que "nestes últimos anos moitos concellos que deixaron de estar no seu momento se volveron incorporar á rede".

Este circuíto de espectáculos está cofinanciado pola Xunta, a través de Agadic, os concellos e as compañías de artistas. Neste primeiro período de 2017 contan cun presuposto de 922.000 euros.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta