Temas: CIG XUNTA

A Xustiza chimpa outra oposición da Xunta

O Goberno Galego acumula varias sentencias por non corrixir os exames en base a criterios públicos e razoados. Agora é o TSXG quen manda repetir un exame a delineante, cando xa hai persoas que entraron a traballar grazas a esta oposición.

Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 25/01/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declarou nulo o segundo exercicio da oposición ao corpo facultativo do subgrupo C1 para delineantes. A Xustiza manda que se lle repita o este exame a algúns opositores. Poderano volver a facer aqueles que escolleron a opción 1, agora anulada polos xuíces.

José María Barreiro Díaz, director xeral da Función Pública e presidente en funcións do PP na Coruña
José María Barreiro Díaz, director xeral da Función Pública e presidente en funcións do PP na Coruña

O problema que se lle presenta á Dirección Xeral de Función Pública é maiúsculo. Dado que os exames foron en 2014, o proceso selectivo xa concluíu e hai persoas que tomaron posesión da súa praza. 

GC pediu ao Goberno Galego unha valoración da sentencia. Polo de agora, os voceiros oficiais da Consellería de Facenda non se pronunciaron. 

No seu fallo de outubro de 2016, o TSXG proba que o tribunal da Xunta non fixo públicos os criterios cos que corrixiría a proba anulada.  “Os criterios de valoración ou corrección non só teñen que ser fixados previamente polo tribunal, senón que teñen que ser postos en coñecemento dos opositores”, lémbranlle os xuíces á Consellería de Facenda. 

A Xustiza recórdalle aos tribunal que non se pode escudar na prerrogativa, legal, de aplicar o seu criterio técnico na corrección. Isto non é dabondo, a Lei tamén especifica que é imprescindible “a expresión previa dos criterios de valoración de acordo aos cales o Tribunal axuizará aos aspirantes no proceso selectivo, debendo exteriorizar posteriormente as razón da dita decisión adoptada”. É dicir, os criterios de corrección deben ser públicos antes do exame e nas avaliacións o tribunal debe explicar como os aplicou, algo que non sucedeu nesta oposición e noutras.

E é que a conflitividade nas oposicións da Xunta non se limita a esta oposición, para a que había convocadas só seis prazas. Como lle recorda a CIG Administración ao Goberno, nos últimos tempos a Xunta acumula sentencias contrarias en varios procesos selectivos.

Por exemplo, o Tribunal Supremo ditou en 2016 unha sentencia polo que condenaba á Xunta por corrixir de xeito “discrecional” exames ao corpo superior de 2010. Ao igual que na dos delineantes, nesta oposición non houbo unha valoración razoada da puntuación. 

En 2010, o Supremo tamén mandou repetir as oposicións a inspector de Turismo de 2001 por problemas tamén na corrección.

Sorprende esta acumulación de sentencias da mesma índole en contra da Xunta, máis cando en teoría a Dirección Xeral Pública é quen avalía aos opositores en materias como dereito administrativo e acceso ao emprego público. José María Barreiro Díaz é o Director xeral da Función Pública e líder provisonal do PP na cidade da Coruña dende a marcha de Carlos Negreira.

Dende a CIG Administración, sindicato que desvelou a sentencia, non se morden a lingua e piden que roden cabezas. “Este caso sérvenos de exemplo para que dunha vez por todas, se asuman responsabilidades políticas e administrativas e por outro lado se nomeen tribunais cualificados, independentes e tecnicamente habilitados para que isto non volva pasar” reclama a central nacionalista, a maioritaria nos servizos centrais da Xunta.

Temas: CIG XUNTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 Merucu Xusticieru

Se aplicasemos a "doutrina" xurisprudencial a todos cantos exames facemos ao longo da nosa vida non parariamos de repetir exercicios...

3 ss-ergas ladrons

Coa publicación da RESOLUCIÓN do 13 de xuño de 2016, dá Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se dispón a publicación do pacto subscrito pola Administración sanitaria coas centrais sindicais CIG, CESM-Ou´MEGA, CC.OO., UXT e CSIF, sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia, devandito criterio pasa a ser o seguinte: II.3. Baremo. II.3.1. A orde de prelación dás persoas aspirantes na lista, en cada unha dás quendas de acceso, vén determinada pola puntuación que resulte dá aplicación dun baremo que tomará en conta a valoración dúas seguintes méritos e na seguinte ponderación: II.3.1.1. A maior dás puntuacións globais obtidas pola persoa aspirante na fase de oposición dúas dous últimos procesos selectivos convocados e resoltos polo .

2 SS-ERGAS INXUSTIZA!!!!

ANTECEDENTES DE FEITO PRIMEIRO.- Ata a data do 13 de xuño de 2016, o criterio establecido sobre a selección de persoal estatutario temporal do SERGAS, establecía o seguinte criterio de BAREMACIÓN:. II.3. Baremo. II.3.1. A orde de prelación dás persoas aspirantes na lista, en cada unha dás quendas de acceso, vén determinada pola puntuación que resulte dá aplicación dun baremo que tomará en conta a valoración dúas seguintes méritos e na seguinte ponderación: II.3.1.1. A suma dás cualificacións obtidas pola persoa aspirante en cada un dous exercicios dá fase de oposición nos que tivese participado na última OPE convocada e resolta polo Servizo Galego de Saúde na categoría á que opta, con independencia dá superación ou non destes. A puntuación máxima acadable por este concepto será do 60% dá puntuación total do baremo.

1 inxustizas do SS-ergas

miren o que esta a pasar cos celadores do sergas que lle aplican una oposición de vai dez anos, rompendose os criterios de acceso os postos de traballo de igualdade, merito e capacidade... isto xa esta chegando o valedor do pobo... non deixen que siga o abuso do SS-ergas dos nazis que dirixen recursos humanos!!!-