A Xunta segue defendendo a súa política antilumes: “É francamente boa”

Feijóo destaca que o dispositivo “funcionou con moita pericia” a pesar de que Galicia concentrou un terzo da superficie queimada en 2016. Sobre a seca indica que as previsións apuntan a que chegará a choiva.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 26/01/2017 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

Galicia foi a comunidade autónoma máis afectada polos lumes forestais o pasado ano. Das máis de 65.000 hectáreas queimadas en todo o Estado, o país concentrou un terzo deses incendios e case o 75% dos que tiveron lugar no Noroeste da península.

Feijóo no Consello da Xunta
Feijóo no Consello da Xunta

E a pesar desas cifras, do aumento dos lumes en outono e inverno pola seca e das denuncias dos sindicatos de privatizacións e falta de medios e persoal na loita forestal, o certo é que a Xunta considera que o seu dispositivo é “francamente bo”, “funcionou” e, ademais “con moita pericia”.

Así o quixo deixar claro o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, que, a pesar dos datos e da difícil situación dos lumes en Galicia, insistiu en botar balóns fora e defender o seu modelo. “É certo que o pasado ano houbo moitos lumes pero tamén é certo que o seu número estivo por debaixo da media doutros anos”, insistiu ao ser preguntado por GC na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.

Sobre as denuncias dos sindicatos sobre novas privatizacións de servizos –como a contratación de helicópteros--, a precarización dos traballadores públicos ou a falta de medios e persoais para afrontar novas situacións de risco, co aumento de lumes pola seca, o presidente galego volveu defender o modelo do seu executivo. Ademais, lembrou que non é a primeira vez que arde en épocas do ano que non é habitual e destacou que xa en marzo e febreiro do pasado ano houbo tamén moitos incendios.

Lumes en 2016

Segundo datos da propia xunta, a comezos de decembro de 2016 as lapas arrasaran máis de 20.000 hectáreas, delas máis de 9.000 de monte arborado. Son os datos dun informe presentado o pasado 3 de novembro pasado no Consello da Xunta que non tiña en conta os lumes producidos nos dous últimos meses do ano e que foron máis dos habituais debido a intensa seca que padece o país.

Brigadista ante o lume nun incendio en Lalín
Brigadista ante o lume nun incendio en Lalín | Fonte: Rafa Cuíña

Uns incendios que sitúan a Galicia no primeiro posto, e con diferencia, do ranquing estatal, en número de lumes. E é que en todo o estado foron 65.146 hectáreas de superficie as queimadas o pasado ano. E o 44% dos incendios producíronse no Noroeste -Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e as provincias de León e Zamora-. Precisamente, foi esta autonomía a máis prexudicada xa que concentra máis do 75% de todos os lumes que tiveron lugar nesa zona xeográfica.

Seca

O presidente galego tamén se referiu a situación de seca que vive o país e destacou que o seu goberno xa puxo en marcha as medidas oportunas para facerlle fronte, “por iso estamos en situación de prealerta”, indicou.

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Feijóo dixo que a actual situación débese a falla de chuvias e apuntou que, en todo caso, a previsións de choiva para os próximos días e semanas “son boas”. “Pero non imos deixar de estar alerta aínda que chova”, concluíu. 

“O dispositivo contra os lumes funcionou, e con moita pericia, e foi grazas ás brigadas. Por iso, hai que felicitalos”, dixo ao tempo que incidiu en que o sistema de loita contra os lumes da Xunta “é francamente bo”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Leike

Esta claro que é boa para eles: xa levan arrasado medio país.