Piden substituir as "corredoiras" por autoestradas ferroviarias para unir Galicia con Portugal

Eixo Atlántico e a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) reclaman unha verdadeira vertebración ferroviaria na Eurorrexión.

Por E.P. | VIGO | 26/01/2017 | Actualizada ás 17:28

Comparte esta noticia

O Eixo Atlántico e a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) reclamaron ás distintas administracións que este 2017 dean "os primeiros pasos" para que a fachada marítima atlántica pase de ter unha 'corredoira' ferroviaria a unha autoestrada ferroviaria do século XXI.

O presidente da CEP, Jorge Cebreiros, e o secretario xeral do Eixo Atántico, Xoán Vázquez Mao, entre outros
O presidente da CEP, Jorge Cebreiros, e o secretario xeral do Eixo Atántico, Xoán Vázquez Mao, entre outros | Fonte: Eixo Atlántico

Así o trasladaron este xoves o presidente da CEP, Jorge Cebreiros, e o secretario xeral do Eixo Atántico, Xoán Vázquez Mao, durante o foro 'A vertebración ferroviaria da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal', onde remarcaron que lideran esta reivindicación porque entenden que as empresas e cidadáns "necesitan que -pelexen- pola vertebración ferroviaria de Galicia".

"Non imos ceder a posibilidade de que Galicia sexa mais competitiva pola perda do transporte ferroviario", aseverou Cebreiros, algo que secundou Vázquez Mao ao engadir que "sen infraestruturas non hai empresas, sen empresas non hai desenvolvemento económico, e sen desenvolvemento económico non hai creación de postos de traballo".

Así as cousas, apuntou que "ata agora" Galicia e o norte de Portugal non tiveron "boas comunicacións ferroviarias" senón "corredoiras".

"A primeira liña que merece chamarse comunicación é Vigo-A Coruña, que en dous anos leva 5 millóns de pasaxeiros. Quere dicir que cando o tren se moderniza, é máis competitivo, económico e sostible collemos o tren", dixo.

Nesta liña, manifestou que o mapa ferroviario da eurorrexión ten como obxectivos básicos a conexión A Coruña-Lisboa; a de Lugo-Ourense -entre as dúas precisan 1.100 millóns de euros, que financiados co Plan Junker a 25 anos "suporía 50 millóns ao ano-; e a de Monforte-Palencia, que é "a saída natural dos portos galegos e enlaza coa autoestrada ferroviaria europea".

PRIORIDADE DO GOBERNO

O foro contou coa participación dos secretarios de estado de infraestruturas de España e Portugal, Julio Gómez-Pomar e Guilherme D'Oliveira, respectivamente.

O primeiro deles insistiu ante os medios en que para o Ministerio de Fomento a conexión entre Madrid e Galicia e dentro de Galicia "vén sendo unha prioridade".

Así as cousas, remarcou que "se investiron miles de millóns" no desenvolvemento da liña Madrid-Galicia e "centos de millóns" no Eixe Atlántico. A iso, indicou que se suman outros proxectos de conexión ferroportuaria como na Coruña e Ferrol.

"O tráfico de pasaxeiros do corredor Atlántico é unha prioridade por que é posiblemente o corredor máis rico en movemento de persoas de todos os corredores ferroviarios que temos", destacou, antes de agregar que tamén a conexión con Portugal e a coordinación entre as autoridades de ambos os dous países neste sentido "é importantísima".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 gATf

Estes do Eixo Atlántico hai Tempo que traballan pra portugal.