Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/01/2017 | Actualizada ás 20:10
Os Bolechas, a popular banda deseñada de Pepe Carreiro que edita Bolanda, lanzaron este mes un vídeo para concienciar aos máis cativos da importancia das “tres R”: reducir, reutilizar e reciclar.
Realizado en colaboración coa Sociedade Galega do Medio Ambiente, “Os tres erres” é un vídeo educativo no que participan os irmáns Bolechas, que deben demostrar os seus coñecementos sobre xestión sostible do lixo e por que é tan importante para o planeta logralo. Ademais, os bonecos dan moitos consellos moi sinxelos para pór en práctica cada día eses tres erres nas nosas casas.
A web dos Bolechas inclúe unha gran cantidade de xogos e material educativo en galego. Uns recursos moi útiles para pais, nais e educadores; dado que non é nada doado atopar na rede contidos deste tipo na lingua propia do país, ao contrario do que sucede noutros idiomas.
Así, ademais de aprender sobre o tratamento dos residuos, podemos descubrir xogos e material didáctico sobre temas como, entre outros, como evitar accidentes de circulación, hixiene bucal, actividades para a estimulación da memoria, coñecemento do medio, etc.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.