Temas: LOBO ADEGA

Denuncian a morte de 10.000 lobos desde os anos 80

ADEGA solicita da Xunta a denegación de batidas indiscriminadas e di que “é falso” que exista sobrepoboación.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/01/2017 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Hai menos lobos que na década dos 80. Unha situación que tería provocado, segundo denuncia ADEGA, a morte de máis de 10.000 exemplares en todo este tempo, a maioría de maneira ilegal. E é que os censos non demostran que exista unha sobrepoboación de lobos. 

Cachorros de lobo
Cachorros de lobo | Fonte: Miguel Mosquera

“Temos os mesmos lobos que nos anos 80, a poboación permanece estancada. E iso significa que en todo este tempo máis de 10.000 lobos terían morto, na maioría de maneira ilegal. Os resultados actuais aproxímanse moito aos censos anteriores, co cal estamos a movernos nun rango de tamaño moi próximo”, engade. Para a entidade ecoloxista, o último censo non ofrece evidencias de que a poboación teña experimentado crecemento ou decrecemento que se salga do rango da tendencia observada.

Por iso critican que o fenómeno das redes sociais fai que se estea a percibir que existe un maior número de lobos, “onde prospera informacións desproporcionadas, alarmistas, e incluso falsas que se reproducen vertixinosamente e están a desvirtuar a realidade do lobo,  pero os datos oficiais do estado da poboación non demostran un incremento”.

Batidas só se son “excepcionais”

Neste sentido, ADEGA concibe as batidas e agardas de lobo coma unha medida “de moi marcada excepcionalidade”, e que unha medida tan drástica só debería ter lugar cando quedara demostrado non resultar efectivas a aplicación combinada das medidas preventivas e os pagos por danos. “Recordamos que a caza do lobo por danos debe contar cun informe técnico que xustifique un alcance de danos as explotacións gandeiras”, indica nun comunicado.

Lobo abatido por disparos
Lobo abatido por disparos | Fonte: Axena

As batidas, recollidas no Plan de Xestión do Lobo, resultan “moi cuestionables” para esta asociación. “Non pode ser que se autoricen a petición de sociedades de caza e non dos directamente afectados, porque existen presións para que o lobo sexa cazable coma trofeo na Galiza”, di.

Por iso, insiste en que a prevención vén mostrándose coma o método “máis efectivo para reducir os ataques de lobo á gandería. E, pídelle á  administración que traballe no impulso das mesmas, “aportando asesoramento, asistencia e recursos suficientes, nomeadamente nas zonas con maior índice de danos”. 

Tamén reclama medidas de compensación e ou indemnización de danos, pero insiste en que deben complementar as accións preventivas despregadas e que puideran resultar insuficientes.  

Temas: LOBO ADEGA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Poia ainda ben, porque se con matar 10 mil continúan a aumentar, non quero pensar o que estaría a pasar se non houbese batidas.Supoño que a ruina de moitos gandeiros e que non se lle ocorreria a ninguen ir dar una volta so polo monte por que correrías perigo de que te comesen