Por X.M. Fernández | Monforte de Lemos | 30/01/2017 | Actualizada ás 13:07
A Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro de Monforte acolleu esta xornada e o alcalde, José Tomé, foi o encargado de inaugurar o evento acompañado do Presidente do Consello Regulador, José Antonio Fernández, Ana Belén do Campo, Directora Xeral de Gandería e Sonsoles López, deputada provincial de Medio Ambiente. Tomé destacou a importancia desta cita para conseguir que a produción chegue a todo tipo de consumidores e deixou constancia do seu apoio e colaboración co CRAEGA, con sede na cidade do Cabe.
O Alcalde fixo referencia aos datos que reflicten o crecemento da agricultura ecolóxica na provincia de Lugo, provincia que acapara case a metade da superficie adicada a esta produción en toda a comunidade e que representa un terzo dos ingresos que xera esta actividade.
Na súa intervención tamén se referiu ao conxunto de Galicia indicando que o número de industrias rolda as duascentas e o número de produtores está preto dun milleiro en toda a comunidade. En canto á facturación deste tipo de produtos en Galicia, esta triplicouse, engadiu.
A xornada estivo centrada na importancia da comercialización dos produtos ecolóxicos de Galicia a nivel nacional e internacional, expoñendo diferentes puntos de vista sobre o mercado da produción ecolóxica e facendo fincapé nos aspectos relacionados coa xestión comercial e o marketing.
Responsables de empresas como Carrefour ou Biocop expuxeron o valor do ecolóxico e a importancia do proceso de comercialización nacional e internacional, autoridades de diferentes departamentos da Administración falaron de lexislación, traballo e apoio a esta importante industria que medra en Galicia e unha mesa redonda de intercambio de experiencias de produtores ecolóxicos galegos puxo fin á xornada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.