Galicia tamén arde en inverno con 110 lumes en xaneiro

ATRIFOGA presenta un informe sobre o perigoso aumento dos lumes en outono e inverno e a falta de medios da Xunta para facerlle fronte. Algúns deles superaron as 50 hectáreas e afectaron a zona de Rede Natura. O Goberno galego insiste en defender o seu modelo e apunta á seca como factor dos incendios nestas épocas do ano.

Por Xurxo Salgado | compostela | 31/01/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Desde o pasado decembro, e no presente de xaneiro, toda a xeografía galega está a sufrir unha onda de incendios polas inhabituais condicións metereolóxicas de altas temperaturas e polo quecemento global - até 20 graos chegouse a alcanzar en moitas zonas -. Unhas condicións que provocaron só no mes de xaneiro un total de 110 incencios, a maior parte deles en Ourense, e nalgúns casos de grandes dimensións, superando, mesmo as 50 hectáreas.

Efectivos de loita contra os lumes da Xunta
Efectivos de loita contra os lumes da Xunta | Fonte: Óscar Vázquez-Atrifroga

Son os datos dun informe realizado por ATRIFOGA (Asociación de Traballadores de Incendios Forestais de Galicia) que apunta, ademais, ao baixo nivel de humidade con ausencia de choivas, o vento e o estado de seca da biomasa vexetal e do chan --as xeadas secan a vexetación e convértese en combustible inflamable-- . E a isto hai que sumarlle, apunta, a falta de medios para combatir os lumes por parte da Xunta de Galicia o que determina que se produzan as circunstancias favorables para que se provoquen e propaguen os incendios con suma facilidade.

Nestes últimos meses os lumes afectaron ás Comarcas do Deza, A Paradanta ,O Baixo Miño, Barbanza, Terra de Melide, Santiago de Compostela, Ferrolterra, Quiroga, Sarria, Terra Chá, Navia, Os Ancares, Ourense, Terra de Celanova, Valdeorras, Verín, Viana, Trives, A Limia, A Baixa Limia, O Carballiño.

Máis de 80 lumes en Ourense

Ourense é a provincia máis afectada, con 85 incendios, que afectaron ao Mazizo Central e á zona Oriental de Ourense, incluídas zonas de Rede Natura. Así, destacaron os focos de Vilariño de Conso (50 hectáreas),, Carballeda de Valdeorras (37 ha), A Veiga (20 ha) e noutros municipios ourensáns como Manzaneda,Cartelle, Rubiá, Lobios, Entrimo (entrando no Parque Natural da Serra do Xurés) ou O Irixo (10ha).

Traballadores de Atrifoga sofocando un lume
Traballadores de Atrifoga sofocando un lume | Fonte: Atrifoga

Nestes dous meses é destacable a gran actividade incendiaria que están a sufrir as Comarcas de Verín e Viana con incendios continuos en case todos os 12 municipios que os integran: Laza, Monterrei, Castrelo do Val,Vilariño de Conso, Viana do Bolo, Cualedro, Oímbra, A Gudiña ou A Mezquita.

Pero non só en Ourense houbo lumes importantes. Tamén o resto de provincias galegos víronse afectadas. Así, na Coruña houbo lumes en Toques (20 ha), Ames, RiBeira , Porto do Son  ou San Xurxo (Ferrol). En Lugo as lapas afectaron a Folgoso do Courel (10ha), Cervantes (10 ha), O Incio (7ha), Pedrafita do Cebreiro ou Guitiriz e en Pontevedra, az zonas máis afectadas foron Silleda (10 ha), Lalín, Agolada, Vila de Cruces, Arbo, Poio, A Guarda,  Tomiño ou Fornelos de Montes.

Incendios nas mesmas zonas que en 2015

Curiosamente, en decembro de 2015 , tiveron lugar incendios, case, nas mesmas zonas e algún deles de até 50 hectáreas en Chandrexa de Queixa (Ourense) inmersas na Rede Natura, Carballeda de Valdeorras (150 ha), aos que habería que engadir outros que se produciron en comarcas que destacan pola súa boa xestión forestal como son as de Ortegal e A Mariña Lucense.

Pero non só Galicia resultou afectada pola vaga de lumes. Outras zonas que, polas súas semellanzas orográficas e climatolóxicas con Galicia, tamén resultaron afectadas foi toda a cornixa cantábrica (Asturias , Cantabria, o País Vasco e mesmo, Navarra), precisamente,no mes de decembro do 2015 e que afectou a miles de hectáreas , moitas delas, cun gran valor ecolóxico.

Desestacionalización dos lumes e falla de políticas

Todo iso pon en evidencia, segundo apunta ATRIFOGA no seu informe, a existencia dun factor de desestacionalización dos incendios forestais e unha continuidade no tempo. Xa non arde só no verán, senón tamén en épocas nas que por cuestións de metereoloxía e debido ao cambio climático que está a sufrir o Planeta (é máis que habitual que haxa incendios no outono e inverno), prodúcense ondas de incendios que provocan graves e cuantiosas perdas ecolóxicas,económicas e sociais.

E a pesar desta situación, a Consellería do Medio Rural cesou  o 30 de setembro a 436 traballadores con contratos de 3 meses  e acaba de prescindir, o pasado 30 de novembro, doutros 626 empregados con contratos de 9 meses. “Isto deixa o Servizo de Incendios baixo mínimos, minguando, considerablemente, os efectivos para a defensa contra os incendios forestais, polo que resulta imposible cubrir todas as quendas e iso leva aparellado un risco intrínseco”, indica este colectivo.

Feijóo defende o seu modelo

E a pesar do aumento dos lumes en outono e inverno pola seca e das denuncias dos sindicatos de privatizacións e falta de medios e persoal na loita forestal, o certo é que a Xunta considera que o seu dispositivo é “francamente bo”, “funcionou” e, ademais “con moita pericia”.

Así o quixo deixar claro o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, que, a pesar dos datos e da difícil situación dos lumes en Galicia, insistiu en botar balóns fora e defender o seu modelo. “É certo que o pasado ano houbo moitos lumes pero tamén é certo que o seu número estivo por debaixo da media doutros anos”, insistiu ao ser preguntado por GC na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta do pasado xoves.

Sobre as denuncias dos sindicatos sobre novas privatizacións de servizos –como a contratación de helicópteros--, a precarización dos traballadores públicos ou a falta de medios e persoais para afrontar novas situacións de risco, co aumento de lumes pola seca, o presidente galego volveu defender o modelo do seu executivo. Ademais, lembrou que non é a primeira vez que arde en épocas do ano que non é habitual e destacou que xa en marzo e febreiro do pasado ano houbo tamén moitos incendios.

Neste sentido, Medio Rural sostén que existe un dispositivo bastante amplo que cobre toda CC.AA de Galicia cando, nestes meses de outono-inverno, o persoal laboral total ascende a 851 traballadores , dos cales, só son persoal de campo: 82 condutores de motobombas e 576 bombeiros forestais (o resto é persoal administrativo e vixiantes fixos). Ademais, xustifica a falla de efectivos en outono e inverno en base a razóns económicas para non dispor da mesma dotación de persoal e medios, no verán que no inverno, sendo esta pauta moi discutible.

A Consellería tamén mantén que ningún distrito forestal queda sen medios e que, en caso de necesidade, mobilízase a persoal dos distritos máis próximos. “Pero isto non é así. É constatable que, en diversas ocasións, teñen que recorrer a efectivos que están situados en bases moi afastadas con respecto ao incendio, o que fai aumentar o tempo de reacción, que é un factor determinante para atallar un incendio”, responden desde ATRIFOGA.

Críticas por falta de medios

Esta asociación tamén critica que, aínda que a Xunta di que as brigadas están compostas, teoricamente, por 7 bombeiros forestais, isto non se corresponde coa realidade, posto que debido ás vacantes non cubertas e ao sistema de libranzas, baixas ou permisos, “é habitual que as brigadas estean integradas só por 2 ó 3 bombeiros forestais coa consecuente falta de eficiencia que iso supón”. “Todo isto provoca que se concentre unha gran carga de traballo e o persoal pásese de horas na súa xornada laboral”, critica.

E é que ATRIFOGA ten claro que a actual política antilumes da Xunta “pon de manifesto a cuestionable xestión” que se fai do Servizo de Incendios xa que “cae na improvisación”, o que deriva en que os incendios se propaguen con facilidade  e se incremente o tempo e os gastos de extinción. “O criterio de prescindir de persoal por cuestións económicas cae polo seu propio peso, iso sen entrar en valorar os prexuízos ecolóxicos e sociais que supón que arda máis superficie ou , mesmo, a propia seguridade dos traballadores”, denuncia.

No informe critica a falta de previsión e planificación da Consellería á hora de levar a cabo unhas “adecuadas políticas de prevención e extinción dos incendios forestais”, porque, apunta, “non só descoida os básicos labores de prevención, senón que a súa clara actitude de primar só a extinción, non a executa con dilixencia nin eficacia”.

Finalmente, alerta sobre a “dubidosa política de información” que ten Medio Rural, posto que s”ó emiten comunicados sobre os incendios que superan as 20 hectáreas” e, por tanto, non chega á opinión pública a existencia dos incendios de menor superficie, que son maioría en número.

Lumes en 2016

Precisamente, segundo datos da propia xunta, a comezos de decembro de 2016 as lapas arrasaran máis de 20.000 hectáreas, delas máis de 9.000 de monte arborado. Son os datos dun informe presentado o pasado 3 de novembro pasado no Consello da Xunta que non tiña en conta os lumes producidos nos dous últimos meses do ano e que foron máis dos habituais debido a intensa seca que padece o país.

Uns incendios que sitúan a Galicia no primeiro posto, e con diferencia, do ranquing estatal, en número de lumes. E é que en todo o estado foron 65.146 hectáreas de superficie as queimadas o pasado ano. E o 44% dos incendios producíronse no Noroeste -Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e as provincias de León e Zamora-. Precisamente, foi esta autonomía a máis prexudicada xa que concentra máis do 75% de todos os lumes que tiveron lugar nesa zona xeográfica.

Actuación das brigadas en varios lumes
Actuación das brigadas en varios lumes | Fonte: ATRIFOGa
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Jose

A foto dos brigadistas apagando o lume con mangueras son traballadores dun Concello.Estou dacordo cas tesis de atrifoga,pero sería bonito ter claras as fontes,se non as reinvindicacions pierden Forza.saudos

1 Anónimo

Participade na enquisa que estou a facer pra sabe-la vosa opinión verbo da política seguida pola Real Academia Galega con respeito ás variedades dialectais do galego ( https://estensiondogalego.wordpress....