Temas: CEG

O novo líder dos empresarios pide soldos máis altos

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia cre que a economía necesita un impulso para saír da súa anemia. Arias, nunha entrevista, nega ser un tapado de Antonio Fontela.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2017 | Actualizada ás 19:07

Comparte esta noticia

O novo presidente da Confederación Galega de Empresarios (CEG), Antón Arias, asegurou que "é hora de subir salarios" porque é necesario reverter a "economía anémica" da actualidade e que a sociedade recupere "poder adquisitivo".

Antón Arias na Radio Galega
Antón Arias na Radio Galega

Nunha entrevista este domingo na Radio Galega recollida por Europa Press, Arias defendeu que "hai marxe" para afrontar unha suba salarial, unha "reflexión interna" que se debe "poñer enriba da mesa cos interlocutores sociais".

A ECONOMÍA NON MEDRERÁ SEN SOLDOS MÁIS ALTOS

"Na negociación colectiva non só se fala de salarios, tamén hai propostas de melloras sociais do mundo laboral. [...] Non podemos ter unha económica anémica por falta de consumo", manifestou.

Así mesmo, o recén escollido presidente da patronal galega criticou a reforma laboral levada a cabo tras a chegada de Mariano Rajoy á presidencia do Goberno. "É un modelo fracasado, dende o meu punto de vista, porque temos unha precaridade elevadísima, non somos capaces de xerar emprego de calidade", censurou.

Nesta liña, Arias incidiu en que "o abaratamento do despedimento" non é, na súa opinión, unha "prioridade", polo que chamou a reunir os interlocutores sociais e "non poñer límites" á negociación colectiva.

SITUACIÓN INTERNA DA CEG

En canto á situación interna da patronal galega, Arias, que se estreou no cargo o pasado venres --foi a única candidatura presentada-- realizou un chamamento á "unidade" dentro da organización dos empresarios galegos para salvar a entidade. "Se non nos podemos poñer en serio con esta tarefa, isto ten moi mal futuro", apostilou.

E é que Arias cre que a CEG estaba fronte á "última oportunidade" para a súa supervivencia e que, de non se aproveitar, a entidade podería desaparecer "por inviabilidade económica" ou "por saturación dos propios membros" da patronal "despois dun período moi longo".

PLAN DE VIABILIDADE E FONTELA

En relación a iso, para Arias, a situación económica da CEG pode "salvarse en pouco tempo" grazas ao "plan estratéxico e á sinatura dunha hipoteca sobre a sede social da entidade".

Así as cousas, chamou a "deixar atrás pelexas internas" e negou que a súa candidatura traizoase un pacto entre as organizacións provinciais para a busca dun candidato de consenso, para logo desmentir que sexa o "home de palla" do expresidente a CEG, Antonio Fontenla. "Nunca notei que tivese unha intención de utilizarme para fins que lle puidesen interesar a el", puntualizou.

Temas: CEG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

por que será que este home non vai durar un telediario no cargo da Patronal Galega ? mi maaa subir os soldos de miseria ? algúns estarán a piques de tirarse pola ventana! ghastar un patacón, que barbaridade dí este empresario galego ? Fernández Alvariño debe estar a pique de marchar para Portugal !!!