Non ter carné en Galicia

Non, non falaremos este mes do partidismo endémico da nosa vida política, e a súa recua de mareas, plataformas , manifestos, coordenadoras e correntes. Non; falo do carné de conducir. E de cómo non telo é un xesto tanto ou máis político cá pertenca este ou aquel grupo de amigos ou inimigos que comparten siglas ou o suposto apoliticismo desa maioría silenciosa de galegos.

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 02/02/2017

Comparte esta noticia
Estou a punto de entrar no que ata hai pouco se chamaba a mediana idade e non teño permiso para conducir, nin sequera o dun Vespino. En Galicia,  se cadra máis que no resto do mundo occidental, ter carné e símbolo de entrada na idade adulta, máis ca ter relación sexuais non digamos o dereito ao voto.  Algún lector xa estará a preguntar como é posible ter unha vida normal en Galicia cun tal estado de virxinidade rodoviaria.  Quen teña lido columnas anteriores xa sabe a resposta: vivo en Bruxelas desde o comezo deste milenio.
 
En Bruxelas, cidade dun millón de habitantes acugulados nun espazo pouco maior có termo municipal da Coruña temos o que os ingleses din o “embarrassment of choice” de transporte público. Diante da miña casa pasan non menos de cinco liñas de bus e teño o metro a 3 minutos e a 10 minutos unha estación de tren que me leva en 15 minutos ao aeroporto, en 2 horas no Eurostar a Londres (desde onde estou a escribir isto), Colonia, París , Ámsterdam e vía os aeroportos de Bruxelas e París – unidos como están por esa mesma liña de tren- co resto de Europa e do mundo. Non só iso: a rede de Bruxelas é inusual porque é reticular. É dicir, para ir dunha punta a outra non hai que pasar polo centro da cidade senón que as liñas de metro, bus , tranvía e tranvía-metro están deseñadas en rede. Un pode ir dun barrio marxinal a onde viven os ricos sen ter que cambiar de modo de transporte. Evitase así que o transporte público contribúa a segregación social e espacial.  Ademáis é integrado, os horarios de todolos transportes públicos están integrados e disponibles en google ou calquera outra web, o bono transporte é intermodal e deixate cruzar o tood país dunha punta a outra.
 
Xa haberá máis dun leitor a rosmar, “xa está un destes emigrados a dicir que todo o de fóra é bo nametres que o da casa é una trapallada”. Argumento doado para desbotar calquera debate. Certo é que Bruxelas benefíciase dun pasado próspero que permitiu ter mesmo excedente de obras públicas. Sen embargo non hai que ir tan lonxe: cada vez que aterro en Porto -aeroporto inevitable para calquera persoa do sur de Galicia- miro con envexa a calidade do transporte metropolitano integrado desa cidade.  Se Portugal é exótico demais para esa crecente masa de galegos que se cren veciños de Madrid, ver as políticas de transporte en Asturias. Non falemos de Euskadi e a súa rede de buses que chegan todas as aldeas.
 
Non é cousa de investimento – do que por outro lado tivemos a fartar nestes últimos trinta anos – senón de vontade política e, antes ca iso, conciencia cívica. En Galicia polémicas recentes coma a da negativa a instalar o transporte metropolitano na área da Ría de Vigo amosan que a estas alturas da vida o principal problema.  O máis chocante e escoitar a xente que non vive nas cidades xustificar, e asumir coma lóxico, que non haxa transporte público entre as aldeas, vilas e cidades galegas. Mesmo en áreas nas que económicamente isto é factible coma as Rías Baixas. Compréndese que a falcatruada da renovación das concesións de buses de hai 50 anos, por outro medio século máis, despertara apenas interese, tendo que vir a xustiza europea a tentar resolver unha desfeita puramente galega. Veremos se ó final hai sorte.
 
O problema fundamental é a falta de valores cívicos. Non se piden máis transporte público porque no fondo non se quere. Todo o mundo quere o seu carro de bois a gasoil. Contanme que para ir ao Marineda City herculino, disque o maior centro comercial do mundo universal, si hai buses pero que só van neles os inmigrantes, os estudantes e os vellos-paisanos.  Eu podo aportar un caso recente: o día antes de reis quedei pra un churrasco á unha en Meaño. Isto supuxo que me deixaran na estación de Redondela ás 9. Dezasete minutos ata Pontevedra. Empezamos moi ben pois. Ademais, cousa incrible, a estación de bus está fronte á do tren. Viva a intermodalidade. Claro, chegas á estación e aquilo é un deserto, apto para atopar o amor prohibido nos cuartos de baño e pouco máis. Sí que hai información, como tamén a empresa concesionaria ten un horario alambicado na súa web. A pesar da subvención pública non hai obriga de por tódolos horarios nunha base común e de uso aberto para Google ou calquera outra empresa os reutilice. Houbo unha subvención europea para iso, pero a aplicación desenrolouse pero nunca se chegou a usar. Por non falar das “paradas consuetudinarias”, sen horario nin marca algunha. Ás 11 collo o bus. Subimos cinco en todo o traxecto. Chego a Meis á media hora, polo que aproveito para tomar outro café precisamente no bar Bruxelas -nos 70 emigraran moitos aquí- ata as 12 que pasan a recollerme. Logo dunha boa churrascada en Dena e licor café e tertulia en Meaño resulta que xa pasou o bus polo que me achegan a Pontevedra a iso das 7. Resulta que non hai nin tren nin bus ata as 8.40. Total, chego á casa as 10.30 da noite. Porque estás de vacacións e o tomas como un safari pola Galicia real, pero compréndese que o que pode o primeiro que fai calquera é motorizarse.
 
O fundamental, nembargantes, non é que se invista pouco e mal nos transportes públicos, se priorize activamente o transporte privado ou as leas localistas. O máis relevante é que ata os propios afectados ven como lóxico e normal este estado de cousas. Nunha sociedade crecentemente avellentada e cunha grande precariedade laboral a falta de transporte público é unha fonte de desigualdades moito maior que os desafiuzamentos ou a violencia doméstica. Pero como non está na axenda mediática madrileña na progresía daquí isto non interesa.  
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA