Temas: TEATRO

As últimas tendencias do teatro móstranse en Compostela

‘Perhaps all the dragons’ do colectivo belga BERLIN, a retrospectiva de Federico León ou a danza de Takao Kawaguchi, protagonistas da primeira semana do festival Eecenas do cambio.

Por GC Tendencias | Santiago de Compostela | 31/01/2017 | Actualizada ás 12:40

Comparte esta noticia

A terceira edición de ‘Escenas do Cambio’ botou a andar a pasada fin de semana. Trátase dun festival dirixido por Pablo Fidalgo e que continuará na Cidade da Cultura  até o 15 de febreiro, cun programa con 25 pezas de artistas e compañías de 10 países diferentes, e na que o teatro galego terá unha presenza destacada con nomes como Chévere, que presentará ‘Cheverografías’, Matarile Teatro con ‘Antes de la metralla’ o iLMaquinario, con ‘Resaca’, entre outros nomes.

Chévere actuando nas rúas de santiago, unha das propostas do Festival Escenas do Cambio
Chévere actuando nas rúas de santiago, unha das propostas do Festival Escenas do Cambio | Fonte: escenasdocambio.org

As entradas xa están á venda en ataquilla.com. Ademais, pode consultarse todo o contido do festival no web do Festival.

Catro obras na primeira xornada

A apertura oficial do festival tivo lugar este martes, 31 de xaneiro, nun acto no Museo Centro Gaiás. Eset martes, o público terá a oportunidade de gozar de ata catro obras que xogan co espazo, os límites do teatro, a memoria e a danza.

A Biblioteca e Arquivo de Galicia acollerá durante toda a semana ‘The Quiet Volume’ de Ant Hampton e Tim Etchells, na que se explorará a tensión deste espazo, mestura de silencio e lectura concentrada. Especial referencia merece a peza ‘Perhaps all the dragons’ do colectivo belga BERLIN, unha das compañías europeas que están a explorar con maior valentía os límites do teatro. Neste proxecto, a través dun instalación audiovisual comporá unha mesa redonda convidando ao público a un tête à tête con trinta historias, a modo dun barco á deriva ou unha nave espacial nunha viaxe de rumbo incerto. 

Destaca tamén no programa desta semana a retrospectiva sobre Federico León, que presentará ‘Las ideas’ e ‘Yo en el futuro’, que se completará a vindeira semana cunha conferencia e a proxección de dúas das súas películas. Considerado o enfant terrible do teatro contemporáneo en Arxentina, Federico León ten levado ao extremo a idea de representación. 

Os mundos da danza e o baile

A danza seguirá a ser outra das liñas do festival, con proxectos como o ‘Horion’ de Malika Djardi, unha das revelacións da escena francesa dos últimos anos, ou o de Takao Kawaguchi sobre a figura de Kazuo Onho, bailarín xaponés de butoh, coñecida como ‘a danza cara á escuridade’, un xeito de bailar de contido espiritual que xurdíu no Xapón da posguerra, na atmosfera dos vencidos e das vítimas das bombas atómicos.

Outras das propostas máis atractivas será o proxecto ‘Envoltura’, unha homenaxe á bailarina Antonia Mercé, La Argentina, renovadora do baile en España na primeira metade do século XX, unha das pioneiras da danza contemporánea e cunha biografía conectada coa república e cos movementos políticos da época –faleceu horas despois de coñecer o alzamento das tropas franquistas-. Artistas como Isabel de Naverán, Idoia Zabaleta, Patricia Caballero, Iñaki Azpillaga, Pedro G. Romero, Bobote e Camila Téllez participan nesta proposta. O festival programa tamén, neste contexto, a peza do coreógrafo norteamericano Trajal Harrell ‘The Return of La Argentina’.

Nesta primeira semana volverá repetirse ‘A veces creo que te veo’ de Mariano Pensotti e se se estrearán as performances de Loreto Martínez Troncoso, Alejandara Pombo e Magdalena Arau e terá lugar no Salón Teatro a estrea en Compostela da última produción da compañía galega ilMaquinario: ‘Resaca’. 

Inicio dos laboratorios

Do mesmo xeito, nesta primeira semana arrancarán os catro Laboratorios, cos que ‘Escenas do Cambio’ quere reflexionar ao redor das artes escénicas e as súas fronteiras. Deste xeito, a Cidade da Cultura acolle entre o 31 de xaneiro e o 10 de febreiro os laboratorios ‘Suministros’ dirixido por Usue Arrieta e Vicente Vázquez, ‘Inicio-Estalla’ de Idoia Zabaleta, ‘Taller de Experimentación con Objetos Personales’ de Federico León e ‘Porque yo soy tú porque tú eres yo porque somos otros’ de Loreto Martínez e Alejandra Pombo. 

Temas: TEATRO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta