Angrois.- En Marea e BNG denuncian que PPdeG "vete" debater no próximo pleno crear unha comisión de investigación

O PPdeG asegura que "non se vetou" senón que "non é oportuno" debatelo nesta sesión plenaria

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/01/2017 | Actualizada ás 15:35 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Os grupos parlamentarios de En Marea e do BNG pediron que se debata no próximo pleno da Cámara galega a creación dunha comisión de investigación sobre o accidente ferroviario acontecido en xullo de 2013 en Angrois, cuestión que o PPdeG non ve "oportuno" debater na próxima sesión plenaria por falta de tempo.

En primeiro lugar, na súa comparecencia ante os medios tras a reunión da Xunta de Portavoces, a líder do BNG, Ana Pontón, criticou que por "enésima vez" o PP "vete o debate" sobre esta comisión. "Está a utilizar unha maioría absoluta dunha forma absolutamente absolutista e antidemocrática", denunciou.

Así mesmo, censurou que os populares utilizasen como "única escusa" que o pleno é "moi extenso" cando o debate sobre unha comisión de investigación suporían solo "30 minutos máis" e atribuíu esta negativa a "un veto político". "O PP, en lugar de estar ao lado das vítimas, segue ao lado das mentiras oficiais do estado", manifestou.

Pola súa banda, o voceiro do grupo parlamentario de En Marea, Luís Villares, tamén criticou a negativa do PP a permitir este debate co argumento de que "non era nada novo" e recordou que "hai feitos que xustifican que o que xa foi negado noutras ocasións, neste momento, poida ter un resultado positivo".

"Hai unha declaración institucional a nivel europeo de insuficiencia do traballo de investigación realizado ata agora", sinalou para considerar que Galicia "non pode renunciar a coñecer a verdade sobre o que pasa no seu territorio".

Por iso, avanzou que En Marea volverá trasladar a petición á Cámara e deixou claro que "non cesarán" no empeño de que as vítimas e a sociedade en xeral coñezan toda a verdade.

PSDEG, "FAVORABLE" Ao DEBATE

Pola súa banda, ao ser preguntado por esta solicitude, o voceiro socialista Xoaquín Fernández Leiceaga asegurou que a súa formación apoia que este debate se incluíse no próximo pleno. "Nós somos favorables a que todas as peticións de comisión de investigación se tramiten", indicou.

Con todo, cuestionado sobre se o PSdeG apoiará a apertura da comisión, Leiceaga asegurou que "iso se verá no pleno cando se debata". "Podo dicirlles que eu sería partidario de que houbese, como indica a Comisión Europea, unha nova investigación independente e creo que debería haber un debate serio no Congreso dos Deputados sobre este asunto", indicou antes de recordar que é no ámbito da Cámara baixa onde hai "máis capacidade de actuación" sobre o que está fóra do ámbito de competencias da Xunta.

NON OPORTUNO

Na súa intervención ante os medios, o voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, destacou que se "non vetou" o tratamento desta comisión de investigación senón que "simplemente se dixo que non era oportuno incluilo" neste pleno que será "longo" e que vén "detrás doutro de aprobación de presupostos".

Ademais, volveu recordar que, fóra do tema dos servizos de emerxencias, "todas as competencias" relacionadas co accidente, como as infraestruturas ou as características da liña, "son competencias do Estado". "Aquí non viría ningún responsable da infraestrutura do Ministerio porque eles responden ante as Cortes xerais", manifestou.

Por iso, tras sinalar que o asunto é que "esa comisión tería realmente pouca capacidade para investigar", recordou que o 12 de xuño de 2016 o PPdeG se manifestou na Cámara galega a favor da necesidade de realizar "un informe independente" sobre o accidente.

"Dixémolo no Parlamento, díxoo o presidente e nós propuxemos á oposición aprobar unha declaración institucional pola que esta Cámara, de forma unánime e solemne, solicitase ese informe independente", recordou para asegurar que esta non foi lida a consecuencia do "veto" dalgúns "grupos".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta