PSdeG e En Marea piden o cese do presidente do Consultivo, investigado na Operación Cóndor

José Luis Costa Pillado está sendo investigado pola xuíza de Lara por, supostamente, ter asesorado ao empresario Raúl López no cambio dunha normativa de transporte para favorecelo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/02/2017 | Actualizada ás 12:25

Comparte esta noticia

O PSdeG pedirá o cesamento de José Luis Costa Pillado como presidente do Consello Consultivo de Galicia, tras constatar que está sendo investigado no marco da Operación Cóndor por tráfico de influencias e negociacións prohibidas a funcionarios e que unha decisión súa foi anulada por unha sentenza do xulgado do contencioso-administrativo de Santiago.

Raúl López, presidente de Monbús
Raúl López, presidente de Monbús | Fonte: CRTVG

Diso informou en rolda de prensa a vicevoceiro parlamentaria do PSdeG, Patricia Vilán, quen avanzou que levará este asunto ao pleno para preguntar ao Goberno galego se non cre que se dan as condicións necesarias para proceder ao relevo de Costa Pillado. Tamén En Marea pide o seu cese.

Cal foi o papel de José Luis Costa Pillado na Cóndor

O sumario que instrúe a xuíza Pilar de Lara apunta á posibilidade de que o presidente do Consello Consultivo asesorara ao empresario Raúl López, dono de Mombús, no cambio dunha normativa de transporte impulsada pola Xunta, para favorecelo.

A maxistrada centrouse durante o seu interrogatoiro a López na "amizade" que o industrial admitiu ter co presidente do Consello Consultivo, José Luis Costa Pillado, e dirixiu as súas preguntas ao "asesoramento" que este lle puido prestar no relativo a esa norma.

José Luis Costa Pillado, presidente do Consello Consultivo, e Alberto Núñez Feijóo
José Luis Costa Pillado, presidente do Consello Consultivo, e Alberto Núñez Feijóo | Fonte: Xunta

Neste sentido, utilizou chamadas entre ambos os dous nas que falan de "papeis" e consultas para dar por feito que o responsable do órgano estatutario lle explicou "como formular" o asunto ao vicepresidente, Alfonso Rueda, "para que o elevase ao Consultivo e dende alí procurar unha solución ás súas demandas”. Esta interpretación da xuíza foi rexeitada por López, quen, en todo caso, matizou que era "un tema para o sector" do transporte interurbano e non un tema persoal".

Preguntado sobre se as xestións de Costa Pillado foron agradecidas pola súa parte con algún tipo de obsequio, o presidente de Monbus rematou admitindo que lle regalou "unha botelliña de viño" pero reiterou as súas negativas a que lle facilitase documentos ou realizase algún trámite.

Noutras conversas, Costa Pillado, ao que López convidou en varias ocasións ao palco do Obradoiro para ver o baloncesto, felicitou ao seu interlocutor por que un dos escritos remitidos á Xunta “estaba moi ben”. Segundo os investigadores, López cría que o propio Consultivo acabaría por pedir motu propio elaborar o ditame.

Sentenza do Contencioso

"A guinda do pastel", para Patricia Vilán, é a sentenza do xulgado do contencioso-administrativo número un de Santiago que anula a súa decisión de deixar de pagar un complemento retributivo ao persoal do Consello Consultivo.

Como consecuencia dunha manobra "torpe e inxustificada", segundo reza a sentenza, o órgano estatutario terá que devolver eses importes, que poderían sumar uns 100.000 euros.

No texto xudicial, ao que accedeu Europa Press, tamén se cuestiona como o responsable dun organismo "precisamente creado para velar polo axeitado rigor no cumprimento das formalidades procedimentales que as normas esixen" tomou esa decisión.

CAMBIO DA LEI DO CONSULTIVO

Outro asunto que tamén sacou a colación a socialista é a modificación da Lei do Consello Consultivo a través da lei de acompañamento dos presupostos para suprimir o corpo de letrados deste órgano e que os profesionais accedan a ese posto por libre designación.

Sen obviar que a este cambio legal "non é alleo" o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, como máximo responsable dos servizos xurídicos autonómicos, advertiu que Costa Pillado parece querer "quitar de diante os letrados molestos". Non en van, segundo dixo, existían queixas do persoal de que os asuntos xa non se asignaban por orde de entrada, senón "arbitrariamente", dende que se fixo co posto en xullo de 2014.

EN MAREA TAMÉN PIDE O SEU CESAMENTO

Neste mesmo extremo reparou En Marea, o voceiro parlamentario, Luís Villares, da cal pediu a dimisión de José Luis Costa por ser "cómplice" desa reforma normativa que lle permitirá nomear "a dedo" os letrados do consello Consultivo.

Dende o convencemento de que este proceder resta "independencia" á institución, e de que iso leva consigo "un golpe de morte" á encargada de velar pola "legalidade" das actuacións da administración, avanzou tamén que pedirá explicacións a Rueda.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Mosqueado

O de sempre, poñen o raposo a coidar das galiñas