A "canonxía" de Arsenio Fernández de Mesa

O nomeamento de Arsenio Fernández de Mesa como conselleiro da empresa “Red Eléctrica de España” é a penúltima demostración de que a rexeneración da vida política española segue sendo unha asignatura pendente.

Por Xesús Veiga | Compostela | 06/02/2017

Comparte esta noticia
Sabiamos que o ex-delegado do goberno central naquel inesquecíbel período da catástrofe do Prestige formaba parte do sagrado catálogo de amigos de Mariano Rajoy. E tamén coñeciamos a lóxica siciliana que practica o actual inquilino da Moncloa cos seus leais servidores. Aínda asi, podiamos pensar que todo o sucedido nos últimos anos e, singularmente, os episodios vividos coas “portas xiratorias”, actuaría como ferramenta preventiva para evitar novos casos, alomenos durante unha tempada.
 
Quen pode alegar ignorancia sobre a traxectoria de “Cuco” Fernández? Hai alguén capaz de imaxinar que as razóns deste nomeamento radiquen nos coñecementos e/ou capacidades demostradas polo ex-director da Garda Civil no ámbito do sector eléctrico?
 
Non hai marxe para a dúbida. O PP decidiu pagar todos os servizos prestados por este político profisional mediante unha retribución anual non inferior aos 150.000 euros con cargo a unha empresa cuxo accionista mais relevante é a SEPI (Sociedade Estatal de Participacións Industriais). E velaquí a última obscenidade desta operación: mentres a grande maioría dos consumidores padecen unha suba insoportábel do recibo da luz, Arsenio Fernández vai disfrutar dunha “canonxía” espectacular por parte da empresa que xestiona a rede de transporte da enerxía eléctrica.
 
A gravidade do sucedido merecería unha reprobación expresa do Congreso dos Deputados, aproveitando a situación minoritaria na que se atopa, dende o pasado mes de xuño, o Partido Popular. Pero iso requiriría unha posición favorábel do PSOE e aí aparece, mais unha vez, a sombra das referidas “portas” polas que transitaron Felipe González, Elena Salgado e outros cadros dirixentes socialistas. A estratexia de oposición “cooperativa” promovida pola actual xestora de Ferraz vai arruinar boa parte da súa eventual credibilidade por mor desa forte hipoteca que afecta dende hai anos a este partido centenario.
 
Polo que se ve, Rajoy pensa que este suceso non vai ter consecuencias electorais. Está convencido de que os seus votantes asumen que isto forma parte habitual, “normal”,da actividade política. Que as cousas son así e que os demais, se poden, fan o mesmo. A complicidade desa parte do corpo social segue sendo o factor fundamental que explica a impunidade destas condutas eticamente impresentábeis.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.