Temas: HISTORIA MINA CSIC

Presentan o libro ‘El destacamento penal de las minas de wolfram de Valborrás de Casaio’

O CSIC presenta en Santiago de Compostela a nova obra do científico Isidro García Tato.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 02/02/2017 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

O Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) presentou esta mañá en Santiago de Compostela o novo libro de Isidro García Tato, científico no Instituto de Estudos Galegos Pai Sarmiento (CSIC, XuGa): 'El desacamento penal de las minas de wólfram de Valborrás de Casaio (Carballeda de Valdeorras)'.

Isidro García Tato, científico do CSIC (dereita), asina un exemplar do seu libro 'El destacamento penal de las minas de wolfram de Valborrás de Casaio (Carballeda de Valdeorras)' acompañado polo conselleiro Román Rodríguez González
Isidro García Tato, científico do CSIC (dereita), asina un exemplar do seu libro 'El destacamento penal de las minas de wolfram de Valborrás de Casaio (Carballeda de Valdeorras)' acompañado polo conselleiro Román Rodríguez González | Fonte: CSIC.

A obra constitúe o número 42 da serie Anejos de Cuadernos de Estudos Gallegos, publicada por Editorial CSIC. "Presenta os resultados dunha investigación do amplo e desordenado fondo documental custodiado no Arquivo Histórico Provincial de Ourense e en arquivos familiares, achega do destacamento penal para a Redención das Penas polo Traballo, establecido nas minas de volframio de Valborrás de Casaio (Carballeda de Valdeorras, Ourense) desde novembro do 1942 ata xullo de 1944", explica o seu autor, Isidro García Tato.

"Nese destacamento redimiron penas polo traballo preto de 500 penados, todos eles ex-combatentes republicanos da Guerra Civil, procedentes de case toda a xeografía española. Para o seu estudo recorreuse, desde o punto de vista metodolóxico, a unha epistemoloxía realista, por iso é polo que o labor heurística, a procura, a lectura, a transcrición e a publicación de fontes manuscritas sexan imprescindibles, como se constata no Apéndice documental do libro", detalla o autor.

O libro, de preto de 800 páxinas, consta de sete capítulos aos que se unen as conclusións e o apéndice documental, que se divide en cinco bloques (Explotación das minas de wolfram; Destacamento penal de Valborrás, Accidentes e enfermos durante o tempo que durou o Destacamento Penal, Exhumación dos restos do penado andaluz Miguel Cardeñas Lozano e Documentación fotográfica das dúas últimas épocas da explotación mineira).

Iníciase cunha exposición da evolución histórica das explotacións de volframio en Valborrás (Casaio de Valdeorras, Ourense), prestando especial atención á fase alemá (1938-1945), período durante o cal tivo lugar a creación do destacamento. Expóñense os motivos que levaron á creación dun centro penal nesas minas. Ademais, preséntase a evolución do número da poboación recluída e o réxime penal.

A obra aborda as causas da supresión do destacamento a partir de varias fugas de reclusos, que tiveron lugar a finais de xuño e principios de xullo de 1944, e inclúe a relación dalgúns dos reclusos cos maquis.

Finaliza cunha breve referencia á Xunta Local de Servizo de Liberdade Vixiada do Municipio de Carballeda, constituída o 23 de setembro de 1943 para controlar e regular a poboación en liberdade vixiada que seguiu traballando tanto nas minas de Valborrás como nunha filial de Renfe, denominada Explotación Forestal 'La Cabrera', dedicada á talla, construción, transporte polo río Casoio de travesas de carballo, destinadas á vía férrea.

"O seu obxectivo é ser un libro de historia e así como as casas se fan con pedra, madeira, bloques ou ladrillos, a historia elabórase con documentos. Onde non hai documentos non hai historia", destaca García Tato.

"Como conclusión, pódese afirmar que o destacamento estivo en íntima relación coa actividade bélica. Por unha banda, as minas estaban destinadas desde o comezo da súa explotación, ao redor da I Guerra Mundial, á produción de wolfram, material imprescindible para a industria armamentística bélica. Por outra banda, todos os reclusos que pasaron polo Destacamento foron integrantes do exército republicano na Guerra Civil española, polo que foron condenados a 20 ó 30 anos de reclusión", explica García Tato. 

Temas: HISTORIA MINA CSIC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta