O ‘Brexit’ pode facilitar que o galego sexa aceptado como lingua oficial da UE

Irlanda e Malta, onde o inglés é lingua cooficial, teñen a chave para que as linguas propias de Galicia, Cataluña e Euskadi sexan tamén recoñecidas como idiomas oficiais na Administración comunitaria trala saída do Reino Unido da Unión Europea.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 08/02/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

O Brexit —a saída do Reino Unido da Unión Europea (UE)— podería ter consecuencias lingüísticas positivas para o galego. A clave téñena Irlanda e Malta, países onde o inglés é lingua cooficial pero que elixiron o gaélico e o maltés como idioma oficial na UE porque a lingua inglesa xa estaba representada grazas a Reino Unido. Agora, coa saída británica o inglés xa non terá representación na UE e debería deixar de ser lingua oficial, xa que só Londres solicitou legalmente o seu recoñecemento. Pero se Irlanda e Malta decidisen defender a oficialidade do inglés, outras linguas cooficiais noutros Estados, como o galego, o éuscaro e o catalán, poderían reivindicar tamén a oficialidade que até o de agora se lles negou na Administración europea. Cando menos esta é a hipótese que barallan investigadores da Université Libre de Bruxelas, a Universidad Pablo de Olavide de Sevilla e a Southern Methodist University e New Economic School de Moscú.

Manifestación de Queremos Galego a prol da lingua
Manifestación de Queremos Galego a prol da lingua | Fonte: queremosgalego.com

Nun artigo titulado 'Ranking Languages in the European Union: Before and After Brexit', Victor Ginsburgh, Juan D. Moreno Ternero e Shlomo Weber presentan un marco para a avaliación do impacto das linguas nas sociedades multilingües e analizan o impacto do Brexit nas clasificacións das linguas europeas, especialmente se o inglés perde a súa condición de idioma oficial na UE.

Os autores do estudo lembran que o inglés é o primeiro idioma na UE, falado —como nativo ou coñecido— por uns 182 millóns de 490 millóns de europeos. "Converteuse de facto na lingua franca en Europa, aínda que priva de dereitos a grandes grupos en moitos países", explican os investigadores, que plantexan un futuro escenario no que inglés perdería o seu estatus oficial, ademais de 60 millóns de falantes nativos na UE, tras executarse o Brexit, malia que é idioma oficial en Irlanda (xunto co gaélico) e en Malta (xunto co maltés), países onde a lingua inglesa é dominante. "De feito, o inglés é falado por unha gran maioría de cidadáns de Irlanda, que accederon á UE en 1973", pero este país, "ao cabo de 25 anos, pediu que o gaélico se convertese na súa lingua oficial", o cal "foi aceptado pola UE", conveténdose o 1 de xaneiro de 2007 nun dos 24 idiomas oficiais. No caso de Malta, os tres investigadores lembran que "o inglés tamén é falado pola maioría de malteses".

NOVO ESCENARIO PARA REIVINDICAR O GALEGO

En 2005, a UE aprobou que o catalán, o galego e o éuscaro se poidan utilizar no Parlamento Europeo, o Comité das Rexións e no Consello de Ministros europeo, pero rexeitou a aspiración do Goberno español de lograr que eses idiomas obtivesen o estatuto de linguas oficiais europeas. A resolución comunitaria tamén permitiu que os cidadáns de Galicia, Cataluña e Euskadi poidan dirixirse nas tres linguas cooficiais en España ás institucións europeas e obter a resposta no mesmo idioma. O acordo foi adoptado polo Consello de Ministros de Asuntos Xerais da UE en Luxemburgo.

Porén, agora, no caso de que se pretenda que o inglés se manteña como lingua oficial da UE coa solicitude de Irlanda e/ou Malta, abriríanse novas posibilidades a outras linguas cooficiais como o galego, que se ben pode ser usado na Administración comunitaria para garantir os dereitos dos seus falantes, non ten consideración de idioma oficial na UE.

O dilema para as autoridades europeas sería o seguinte: "Aceptar que Irlanda (con 4,1 millóns de habitantes) e Malta (con 0,4 millóns de habitantes) teñan cada un dous idiomas oficiais (aínda que o inglés é común) pode provocar que outros países (ou rexións) pidan que se acepten as súas linguas", expoñen os autores do estudo.

Así, aproximámosnos a un escenario lingüístico novo na UE de conflito por agravios comparativos, xa que, como ben lembran estes investigadores, idiomas tamén cooficiais, neste caso no Estado español, como o catalán, con 6,2 millóns de falantes, o galego, cuns 3 millóns, e o vasco, con 0,7 millóns, "son falados por máis xente que o maltés e o gaélico, e o catalán é falado por máis xente que o conxunto de Irlanda". 

Se ben é certo que "podería suceder que Irlanda ou Malta acepten substituír o seu idioma oficial polo inglés" nas institucións comunitarias, "sería politicamente difícil" que os seus gobernos poidan afrontar as consecuencias de tal proposta ante as súas poboacións, segundo os expertos. Polo tanto, as autoridades comunitarias terán que resolver o dilema de excluír definitivamente o inglés como lingua oficial ou abrir o abano da oficialidade a outras linguas cooficiais noutros Estados.

Nun escenario no que a UE considere, con todo, manter o inglés como lingua oficial, sen ser lingua propia de ningún Estado membro, "isto podería ser reprendido por algúns países" e, ademais, "requeriría un voto do Consello Europeo", sinalan os autores do estudo, que lembran: "Segundo as normas constitucionais da UE, os votos sobre as linguas deben ser unánimes. É dubidoso que Alemaña e Francia emitan un voto positivo, xa que ambos os dous loitan contra o inglés, que de feito se utiliza en exceso como un idioma de traballo".

Así pois, se Irlanda e Malta solicitasen ser representados pola lingua inglesa ou propuxesen mantela como idioma oficial na UE, o galego tería aberta unha vía directa para esixir ser parte da lista de idiomas oficiais da UE. Pero para isto, primeiro os Estados membros deberían chegar a un acordo para cambiar o regulamento e permitir que Irlanda e Malta teñan dous idiomas oficiais. O agravio comparativo coas linguas cooficiais do Estado español sería tal, que dificilmente se lle podería poñer trabas á aceptación do galego, catalán e éuscaro.

Esta posibilidade non semella moi distante, xa que a representación de Irlanda ante a Comisión Europea xa desmentira que o inglés desaparecería automaticamente como lingua oficial coa saída do Reino Unido. "O Consello de Ministros, por unanimidade, decide as normas que regulan o uso dos idiomas nas institucións europeas. Noutras palabras, calquera cambio no réxime de idiomas debe obter o voto unánime do Consello, incluido Irlanda", advertiu. Así pois, sería incomprensible que Irlanda e os demais Estados membros defendesen a oficilidade do gaélico e do inglés na UE e vetasen a aceptación do galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 30 comentarios

3 PUGNAZ

Juaaaaaaaaaaas As galiñas tamén esperan que lles crezan os dentes, rapaces. Los dwl lobby ahora también quieren vivir del cuento con subvenciones europeas, aunque yo dudo que allí les dé por apoyar el atraso y la ignorancia. Estamos en lo de siempre: Temas como este solo pueden tratarse en serio desde una base de partida: la Constitución española de 1978 que nos configura como una sola nación española que cuenta con un solo estado unitario y el vínculo de una lengua común, que todos los españoles deben conocer. Junto a esta, pueden cultivarse las lenguas regionales o minoritarias. Pero la natural acogida que debe darse a quienes cultivan con rectitud su propia lengua regional o minoritaria, en ningún caso puede inducir a favorecer ideas como las que se arguyen con un claro cariz político, segregacionista y pugnaz.

1 Leike

Tempo ao tempo, "regionalista apolítico"!

2 teutonio

Non entendo, entón a Fundación Franco pode vivir de subvencións e calquera organización cultural galega (EOIs, A Mesa, Universidades, etc.) non pode pedir unha subvención pra un proxecto europeo conforme aos criterios establecidos nunha convocatoria (impacto, transparencia, carácter europeo, solvencia)?.

3 Tumbaburros

Que inorantiños me sodes os nacionalistas. A Fundación Nacional Francisco Franco recibiu dúas únicas subvencións nos tempos de Aznar a cambio de que microfilmase o seu arquivo e entregase unha copia ao Menisterio de Propaganda ou de Cultura. Os que ti mencionas reciben dubvencións por enchufar xente e rascar a... aquela cousa.

4 CalaTabans

home, quen di a Fundación Francisco Franco, tamén di o Instituto Cervantes, a Real Academia Española... e tamén La Voz de Galicia, Faro de Vigo.... igual se nos poñemos a sumar chiringuitos de promoción directa ou indirecta do castelán, igual cambia a cousa. Non cres Tumbaburros? A ver se vos colle na cachola que se pode defender a lingua sen ser catalogado de nacionalista, mentecatos, que non sodes máis que uns ignorantes mentecatos

5 Fortram

¿Por qué mintes? ¿Por qué non dis que es un nacionalista empedernido?

2 teutonio

Primeiro deberíase chegar a un consenso entre os estados membros pra que o inglés perda a oficialidade, dio a mesma noticia (calquera cambio do réxime de idiomas debe obter o voto unánime do Consello) por tanto é absurdo. Non vexo eu aos estados do leste ou nórdicos apoiando unha medida que faría que os seus funcionarios son incapaces de empregar a única das 3 linguas de traballo que coñecen (inglés, francés, alemán). A burbulla europea fala inglés por moito que proa.

1 fuFN

Cos seus tres millóns de falantes ten que ser oficial na UE. É cuestión de Tempo.