Xil Ríos, o trobador de Moaña

A corporación municipal moañesa acordou nomear Fillo Predilecto a Xil Ríos, distinción que lle será concedida o próximo venres no acto institucional que se celebrará na Casa do Concello. A proposta partíu da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG) que axiña foi refrendada con entusiasmo por máis de corenta entidades culturais e un sector da cidadanía que tamén a respaldou, grazas ao traballo eficaz de Manolo Méndez.

Por Xosé Glez. | Redondela | 08/02/2017

Comparte esta noticia
Xil Ríos é unha figura sobranceira da música popular galega. Comezou a súa carreira na década dos anos setenta, acadando en 1973 o premio “Cidade de Ourense” que lle outorgou a IX edición do Festival do Miño pola interpretación da canción “Miña Maruxiña”, composición súa, que entusiasmou ao público que ateigaba o pavillón dos deportes.
 
Desde entón o trobador moañés foi incrementando a súa produción discrográfica e as actuacións en todos os recunchos do país e alén do Padornelo, e en programas musicais das televisións. Foi tal o éxito das súas cancións que estas xa forman parte do repertorio das cancións de taberna e das improvisadas troulas en festas e romarías.
 
Xil Ríos plasmou  nas súas letras con acerto e engado poético a solidariedade coas clases máis desfavorecidas, os mariñeiros, xentes tan próximas a el cos que compartíu moitas veces faenas de pesca na ría; aínda que por imposición das casas discográficas tivera que derivar a outro estilo para poder gravar.
 
Na exposición de motivos  da proposta da  AFNLG afírmase o evidente, que Xil Ríos fai parte desa pléiade de grupos musicais que dignificaron a nosa lingua a partir de fin dos anos cincuenta, sendo pioneiros Los Tamara, que por entón facían xiras por Europa á par  do Ballet Rey de Viana, que foi o auténtico embaixador no mundo da nosa tradición folclórica.
 
Foron aqueles anos setenta a década de ouro da música lixeira, acando os primeiros postos de venda e audición na radiodifusión española. Cómpre lembrar a dúas figuras senlleiras, Andrés do Barro e Juan Pardo,que escribirá algún tema para Xil Ríos, que conseguiron exportar ao mundo o noso idioma a través das súas músicas. O éxito acadado por estes cantantes fixo que grupos musicais non galegos como Los Relámpagos fixeran versión instrumentais da “Alborada de Veiga” e “Muiñeira de Chantada”; ou que Maria Ostiz,aínda que desgrazando unha letra do noso cancioneiro, fixera popular unha cantiga tradicional, e que mesmo Julio Iglesias se atreve a mesturar o galego e o castelán noutra súa composición que se fixo universal.
 
Xil Ríos, home fidel á tradición musical foi sempre exquisito nos usos lingüísticos dos seus textos; cantaba como falaba. As súas letras e músicas de doada recordación fan parte xa do noso cancioneiro popular, e grazas a elas foron varias as xeracións que tiveron maior querencia pola nosa lingua.
 
 Fixo máis Xil Ríos pola normalización da nosa lingua que moitos escritores. Por esta razón, consideramos oportuna, xusta e intelixente a decisión da corporación municipal de Moaña, e de cantos asinaron a proposta , de concederlle a maior honra que pode recibir un cidadán co título de Fillo Predilecto. Descoñezo neste momento se o goberno municipal ten mentes de perpetuar a memoria do máis grande trobador universal que tivo o Concello, pero se fose posible eu pediría que non quedase  só nese recoñecemento institucional e institucionalizasen un festival de música galega que levase o seu nome para premiar a novos valores que fagan posible  mil festas máis para a lingua galega imitando o seu exemplo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA