Temas: EUCALIPTO

Debe Galicia facer como Portugal e prohibir plantacións de eucalipto?

O Estado veciño veta as novas plantacións de eucalipto até 2030. A decisión chega nun intre clave, cando a Xunta debe concretar as súas anunciadas restricións a esta árbore pirófila.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 06/02/2017 | Actualizada ás 15:02

Comparte esta noticia

O Ministerio da Agricultura confirmou unha resolución do Consello de Ministros do anterior Goberno, de marzo de 2015, que aproba a Estratexia Nacional para os Bosques (ENF). Ese documento determinaba a conxelación ata 2030 das 812.000 hectáreas xa plantadas con eucalipto en Portugal. 

Avance do eucalipto fronte ás carballeiras
Avance do eucalipto fronte ás carballeiras | Fonte: Adega

O Goberno da coalición de esquerdas luso defendeu a decisión, pero lembrando que só están a seguir o camiño xa debuxado polo anterior Executivo, de dereitas. “Estamos só a respectar e a cumprir a ENF” dixo o ministro Luís Capoulas Santos.

A decisión portuguesa seguro que suscita polémica en Galicia. A Xunta ten pendente de publicar oficialmente as súas anunciadas restricións a esta árbore. O Goberno leva moitos meses atrasando unha decisión, malia que hai un ano que entregou ao sector un borrador.

Mentres tanto, algúns concellos liderados pola Deputación de Lugo xa anunciaron medidas contra o eucalipto. Son medidas indirectas porque quen pode decidir onde se planta ou non é a Consellería de Medio Rural.

As similitudes coa outra beira do Miño son enormes. No país tamén existen masivas plantacións desta árbore, sobre todo na costa. Ademais en Galicia, ao igual que en Portugal, é un dos factores que contribúe a explicar o elevadísimo número de hectáreas queimadas cada verán. 

Máquina cortando eucaliptos
Máquina cortando eucaliptos

A conxelación tamén suscita preguntas económicas. Segundo recolle o xornal luso Público, produtores forestais e a industria están a criticar esta medida, cuxa discusión pública terminou a última semana.

Cómpre lembrar que Elnosa, a planta de celulosa de Pontevedra, é de capital portugués. Esta industria, ao contrario que a indultada ENCE, está pendente de renovar a súa autorización ambiental.

O Goberno, apoiado polo Bloque de Esquerda, PCP e asociacións ecoloxistas, aposta pola paralización. Neste bando lembran que no prazo dunha xeración o eucalipto converteuse na especie máis importante do bosque do Estado veciño. No futuro, haberá plantacións autorizadas só por substitución de áreas xa plantadas. 

Grupos ecoloxistas Greenpeace recoñecen que a industria madeireira do eucalipto é clave para a economía rural e o sector forestal. Con todo, Greenpeace lembra que as plantacións de eucalipto supoñen “un problema para a conservación da fauna e a flora, para a conservación do recurso do chan, para a xestión dos recursos hídricos, para os espazos protexidos e para a correcta ordenación do territorio”. 

Temas: EUCALIPTO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 12 comentarios

5 Eu mesmo

Pois sí, as pasteiras de Portugal virán a mercar a Galicia a produción de eucalipto que deixaran de colleitar alí, polo que o dano o medio ambiente poderá ser terrible. Non lle preguntedes aos casposos de Ence, Marea de Pontevedra, CCOO e resto do lobbie. A súa resposta xa coñecedes!!!

4 vaia vaia

Namentres cargos do PP estean na dirección de ENCE haberá eucaliptos no monte.

3 Chindasvinto

Por suposto

2 Leike

Supoño que GC fai unha pregunta retórica.

1 cqv9

Débense prohibir as explotacións de vacún que son a cousa máis contaminante para o rural? Pois o mesmo...