A colección de retratos de Rosalía de Castro da RAG, agora accesible na Rede

A Real Academia Galega ofrece dende hoxe no Arquivo Dixital de Galicia as imaxes que conserva da escritora fundacional das letras galegas contemporáneas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 06/02/2017 | Actualizada ás 16:31

Comparte esta noticia

A Real Academia Galega ofrece dende hoxe no Arquivo Dixital de Galicia os retratos que conserva de Rosalía de Castro (1837-1885), escritora fundacional das letras galegas contemporáneas e da que se celebrará o vindeiro 24 de febreiro o 180 aniversario do seu nacemento.

A maioría dos documentos incorporados, segundo inform a RAG, son fotografías da autora en distintos momentos da súa vida, entre elas a realizada polo estudio coruñés de Sellier convertida nunha das imaxes máis coñecidas de Rosalía de Castro, na que aparece cun chapeu de plumas. O mesmo retrato, feito nos primeiros anos de década de 1880 pode verse nunha copia en forma de óvalo e noutra reprodución sobre o debuxo dunha tea.

Outras imaxes que se incorporan son a dunha Rosalía moza, no ano 1855, fotografada por Mr. Encausse et Cie —con estudio na rúa do Vilar de Santiago de Compostela—, un retrato realizado entre 1865 e 1875 ou a fotografía na que a escritora posa coa familia no exterior Casa da Matanza en xullo de 1884.

A fotografía do retrato pintado por Ricardo Camino e unha tarxeta publicitaria de Ceregumil con debuxo e biografía de Rosalía datada entre 1910 e 1920 completan a relación de documentos.

Retrato de Manuel Murguía e Rosalía de Castro cos seus fillos na casa da Matanza
Retrato de Manuel Murguía e Rosalía de Castro cos seus fillos na casa da Matanza | Fonte: RAG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta