Un catedrático de Santiago, primeiro europeo editor xefe da revista ‘Special Care in Dentistry’

O catedrático de Estomatoloxía Pedro Diz Dios foi elixido entre outros candidatos de Estados Unidos e Canadá para ocupar este cargo na revista máis destacada deste ámbito da Odontoloxía.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/02/2017 | Actualizada ás 10:58

Comparte esta noticia

O catedrático de Estomatoloxía Pedro Diz Dios resultou designado novo editor xefe da revista Special Care in Dentistry, órgano oficial de expresión da Special Care Dentistry Association (SCDA). Logo dun proceso de carácter competitivo fronte outros candidatos de Estados Unidos e Canadá, Diz Dios convértese no primeiro europeo que desempeñará esta función no comité editorial da publicación, considerada como a máis destacada deste ámbito da Odontoloxía.

o catedrático Pedro Diz Dios
o catedrático Pedro Diz Dios | Fonte: USC.

A SCDA é unha prestixiosa sociedade científica nada en 1987 e que aglutina a American Association of Hospital Dentists, a Academy of Dentistry for Persons withn Disabilities e a American Society for Geriatric Dentistry. O seu obxectivo primordial é proporcionar formación específica e conexións entre os profesionais da Odontoloxía para facilitar o acceso á saúde oral das persoas con necesidades especiais. 

O nomeamento do profesor Pedro Diz potenciará a proxección internacional da Unidade de Odontoloxía para Pacientes con Necesidades Especiais que el mesmo promoveu hai máis de dúas décadas e que dirixe na actualidade na Facultade de Medicina e Odontoloxía. Este é un centro de referencia estatal e internacional no que atende pacientes con Síndrome de Down e discapacidade procedentes de toda Galicia. 

A dirección da revista Special Care in Dentistry súmase a compromisos editoriais previos do profesor Diz como editor asociado da revista Oral Diseases e de Medicina Oral, Cirugía Oral y Patología Bucal (sección de Medically compromised patients), así como membro do Consello Editorial do Journal of Disability and Oral Health

Ademais, o catedrático da USC coordina a edición do Manual de higiene bucal para personas con discapacidad, unha iniciativa pioneira no seu ámbito que contén información útil para profesionais, familiares e pais e nais. Neste ámbito, o profesor Pedro Diz destaca a necesidade de prestar atención ás persoas con discapacidade severa, nas que as complicacións bucais poden condicionar a inxesta alimentaria e mesmo chegar a provocar alteracións condutuais, o que pode afectar á súa vez a “comprometer o estado nutricional do paciente e a súa relación co contorno”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta