Xosé Hermida, novo delegado de El País Brasil

O xornalista galego, de 53 anos, que dirixiu a edición de Galicia ata a súa desaparición no 2015, atópase xa en São Paulo liderando a edición brasileira do xornal do Grupo Prisa cunha vintena de persoas na redacción.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 08/02/2017 | Actualizada ás 19:58

Comparte esta noticia

Finalmente decidiu aceptar a proposta da dirección de El País e o xornalista galego Xosé Hermida asumiu o cargo de delegado da edición de Brasil do diario do grupo Prisa. O xornalista galego, tras varios meses en Madrid nos que pasou por diversas seccións do xornal madrileño, atópase xa en América dirixindo a edición de Brasil con sede en São Paulo.

Xosé Hermida, novo delegado de El País en Brasil
Xosé Hermida, novo delegado de El País en Brasil

Hermida, que substitúe no cargo ao tamén xornalista Antonio Jiménez Barca, dirixirá unha redacción composta por unha vintena de persoas, na súa maioría de nacionalidade brasileira.

Xosé Andrés Vázquez Hermida (Boiro, 1963) licenciouse en Filosofía pola USC e comezou a traballar como xornalista en El Correo Gallego. Tralo seu paso pola Radio Galega, xa en 1989 asumiu a condición de correspondente en Galicia do xornal El País. Coa creación en 2006 da edición Galicia, Hermida foi nomeado subdelegado e, tralo regreso de Félix Monteira a Madrid no 2008, delegado de Galicia. Tralo peche das páxinas galegas no 2015, o xornalista galego estivo estes últimos meses afincado en Madrid. Agora, con 53 anos, Xosé Hermida principia unha nova etapa na súa recoñecida traxectoria profesional.

A edición brasileira do diario El País mantén unha liña diferenciada dos xornais oficialistas daquel territorio, polo que nos seus anos de andaina foi gañando prestixio e multiplicando de xeito exponencial o seu número de lectores. Noticias publicadas en brasileiro por este medio de comunicación adoitan situarse entre as máis lidas do día na web do xornal español.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta