Rato facturou a Caixa Galicia 50.000€ de xeito opaco

"O artífice do crecemento e a estabilidade económica que gozou España desde mediados dos 90". Así definiu o presidente da caixa galea a Rodrigo Rato cando veu ao país para dar unha conferencia remunerada de xeito irregular.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/02/2017 | Actualizada ás 09:57

Comparte esta noticia

O exministro de Economía Rodrigo Rato cobrou 50.000 euros de Caixa Galicia --entidade logo fusionada con Caixanova, que derivou en NCG e acabou rescatada polo Estado-- por unha conferencia que deu a finais de 2007 na Coruña.

Rodrigo Rato sae do Xulgado
Rodrigo Rato sae do Xulgado | Fonte: Europa Press.

Así figura no informe da Oficina Nacional de Investigación da Fraude (ONIF), ao que tivo acceso Europa Press, no que se detallan as diversas conferencias que Ratoe realizou entre 2007 e 2014 e polas que cobraba miles de euros.

No informe que investiga a suposta fraude fiscal de Rodrigo Rato detállase como da organización das conferencias encargábase a empresa BCC Conferencias.

Así, entre 2007 e 2014, Rato ingresou por estas conferencias 1,4 millóns de euros --400.000 euros máis foron para BCC--, facturados vía Arada, unha das empresas da súa armazón co obxectivo de eludir o pago do IRPF.

Sobre a conferencia en Galicia, a Oficina de Investigación da Fraude apunta que BCC remite a Rato diversa documentación con 'power point' e guión do relatorio.

Todo iso forma parte do informe da Oficina Nacional de Investigación da Fraude (ONIF) que detectou rendas non declaradas no IRPF do exministro de Economía Rodrigo Rato "por importe lixeiramente superior aos 14 millóns de euros" nos anos 2004 a 2015.

CONFERENCIA PRESENTADA POR MÉNDEZ

Nesa conferencia celebrada na Coruña o 14 de decembro de 2007, o exdirector xerente do Fondo Monetario Internacional asegurou que os bancos centrais non podían solucionar a crise e advertiu de que o proceso de falta de "confianza e credibilidade" no sistema "require en moitos casos de modificacións legais" que non poden facer os bancos centrais.

Nese sentido, dixo observar "certa pasividade" por parte dos responsables económicos dos principais países do mundo e advertiu de que son necesarias reformas dos reguladores financeiros, cun custo social e económico. "Seguir baseando as expectativas económicas só en decisións monetarias é un erro que non vai solucionar a crise", salientou.

Nesta conferencia en 2007 foi presentada polo entón director xeneral de Caixa Galicia, José Luís Méndez, que definiu a Rato como unha "autoridade internacional no ámbito económico e financeiro" e concluíu que é unha persoa "idónea para abordar a análise dos retos aos que se enfronta a economía mundial nos próximos anos".

Méndez destacou as "iniciativas para a reforma da institución" levadas a cabo por Rodrigo Rato no FMI e apuntou que existe un "consenso á hora de consideralo como o artífice do crecemento e a estabilidade económica que gozou España desde mediados dos 90".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta