Temas: SERGAS

“Había ambulancias preparadas antes de abrir os pregos”

O amaño dun millonario contrato no 061, polo que está imputado un técnico da Xunta, foi xeneralizado. Esta é opinión de Xesús Pastoriza, responsábel de Transportes da CIG. Nesta entrevista, o sindicalista relata como o desembarco de Ambuibérica, unha empresa dirixida por un ex-deputado do PP, tirou os prezos e está a precarizar o servizo até límites nunca vistos. Por exemplo, coa explotación de bolseiros e o uso ambulancias para tarefas vitais malia non estaren equipadas para tal fin.

Por Manuel Vilas | Santiago | 10/02/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Durante o verán de 2016 vostedes convocaron varias xornadas de folga para esixir o cumprimento do convenio en Ambuibérica. Deron resultado esas mobilizacións?
Si, conseguiuse un acordo para o persoal do transporte urxente de Ambuibérica de toda Galiza, que se está cumprindo.

Xesús Pastoriza, responsábel de Transportes da CIG
Xesús Pastoriza, responsábel de Transportes da CIG

Cal é a situación laboral do cadro de persoal desta empresa no país, que é na actualidade unha das maiores concesionarias do 061?
O persoal neste momento está mobilizado pero non pola problemática da súa empresa, senón pola parálise do convenio colectivo (de ámbito galego). A estas alturas, a mobilización mudou e agora as protestas van dirixidas a toda patronal do sector polo bloqueo do convenio colectivo, aínda que é certo que Ambuibérica é a empresa máis grande do sector e polo tanto a que maior peso ten á hora de negociar o convenio.

Unha das súas denuncias durante as mobilizacións é que as concesionarias estaban a recorrer a xente sen experiencia para conducir as ambulancias. Bolseiros incluso. Solventouse esta problemática?
A problemática dos contratos en prácticas está sen resolver e é un dos puntos máis importantes da reivindicación da CIG para o convenio. Todas as empresas están recorrendo a persoal con contrato en prácticas, non é unha práctica exclusiva de Ambuibérica. Ter un contrato en prácticas supón que o primeiro ano de traballo o persoal cobra o 60% do salario e no segundo ano o 70%. Esta é un práctica que utilizan case todas as empresas, todo contrato novo que se fai é por esta vía. Dende a CIG intentamos combater esta situación, precisamente a través do convenio.

O Xulgado Número 2 está a investigar por presunta  prevaricación e outros delitos o concurso público polo que Ambuibérica desembarcou no país. A Fiscalía ten indicios de que o concurso estivo amañado. Malia que os traballadores soen ser subrogados dunha empresa a outra á marxe de quen gañe os concursos ... como valoran dende a FGAMT-CIG esta investigación?
A CIG está completamente de acordo con esta investigación e con que se depuren responsabilidades. Durante o desenvolvemento do concurso -tanto no transporte urxente como o non urxente-, solicitamos información ao SERGAS e ao 061 que sempre nos foi denegada. Causounos un pouco de sorpresa que non se actuara coa debida claridade dende a administración e non se informara aos sindicatos de todo este proceso. Pero unha cousa debe quedar clara: a investigación é contra varias empresas, algunhas delas galegas.


No seu día vostedes xa alertaron de que algo cheiraba mal nas concesións dos servizos de transporte non urxente. Antes de que se abriran os pregos das ofertas, vostedes aseguraron que "Ambuibérica xa ten 18 ambulancias aparcadas en Santiago, así que estamos seguros de que será a concesionaria que gañe o concurso"...
Antes de abrir os pregos, había ambulancias xa preparadas nos concesionarios, de Ambuibérica e doutras empresas tamén. Foi algo xeneralizado. De feito, a empresa que hoxe leva o transporte non urxente na Coruña aínda ten cinco ambulancias no concesionario sen recoller, mentres o SERGAS está abonando o importe de todas as ambulancias como se estiveran funcionando e dando servizo.

Ambulancia do 061 co nome de Ambuibérica nunha imaxe do twitter da propia empresa
Ambulancia do 061 co nome de Ambuibérica nunha imaxe do twitter da propia empresa

Esperaban, pois, que o asunto acabara nos xulgados?
E si que esperábamos que o concurso acabara nos xulgados, porque tiñamos informacións de que as propias empresa que quedaran fóra do concurso se estaban movendo neste sentido.


Vostedes tamén sinalaron o longo historial de conflitividade que ten este grupo noutras partes do Estado. Así, lembraron no seu día que "foi condenada a pagar 37 millóns de euros por non subrogar ao persoal en Castela-A Mancha; a unha multa de 300.000 euros, en Aragón, por facturar viaxes falsas, algunhas delas mesmo a persoas falecidas; que foi condenada en Cantabria por represión sindical e que tamén tivo problemas en Navarra e no País Vasco". Por que cren que malia estes problemas, esta empresa logrou facerse con gran parte do negocio no país, que até non hai tanto controlaban empresarios galegos?
Oficialmente as empresa que gañaron fixérono por presentar unha oferta máis baixa que as outras que concursaban. En cada zona, a compañía que máis abaratou o servizo foi á quen lla deron. Ambuibérica é unha empresa de tamaño maior e, polo tanto, pódese permitir tirar máis os prezos. Non temos forma de saber se existiron outras razóns que condicionaran a adxudicación.

O que si é certo é que foi unha influencia terríbel e moi negativa para o sector que a Xunta aceptara no seu momento as ofertas máis baratas, que nalgún caso chegaron a rebaixar até nun 12% o custe do servizo. De feito, está pasando que o convenio non se asina porque os empresarios de ambulancias se queixan de que a Xunta non lle paga o suficiente, cando foron eles os que ofertaron á baixa, sabendo que lles ía ser complicado cubrir custes. Tamén a administración  era consciente de que esas ofertas non chegaban para cumprir o convenio (tanto a nivel salarial como social) e moito menos para cumprir coas reivindicacións que nós temos neste momento de cara ao novo convenio.

En termos xerais, á marxe da problemática ao redor dos últimos concursos de ambulancias, dende que comezou a crise, deteriorouse a calidade do servizo público de ambulancias?
Evidentemente si se deteriorou. É máis que se vai deteriorar. E cales son cuestións que levan ao deterioro presente e futuro? O primeiro é o feito de teren concursado á baixa. Isto provoca que agora tentarán rebaixar os custes ou ben dos salarios dos traballadores/as ou ben recortando no servizo.  Danse cousas tan curiosa como que o servizo de transporte non urxente de Ferrol recaeu nunha UTE composta por 6 empresas, coa división que iso supón para a coordinación de todo o cadro de persoal e o servizo.


Doutra banda, as EOXIS (Estrutura Organizativa de Xestión Integrada)  non controlan o número nin o horario das ambulancias que prestan servizo nos hospitais (falamos do transporte non urxente); e non esixen o protocolo nin o rexistro da desinfección destas ambulancias -co que se non se limpa tanto, as empresas abaratan custes-. Xunto a isto, as ambulancias de apoio do 061 están actuando ilegalmente. Explícome,  as empresas do 061 teñen que ter en cada zona un número de ambulancias de apoio, o servizo teno que prestar a mesma empresa que ten adxudicado o transporte urxente e son ambulancias cunha soa persoa como dotación e con menos equipamento. Estes vehículos deben usarse só para traslados non vitais. Pero nestes momentos estanse usando estas ambulancias con empresas que non son as que gañaron o concurso e enviándose a accidentes de tráfico, paradas cardíacas, etc. sen a dotación nin o equipo necesario para a atención ao/á enfermo/a. Isto conleva que en moitas ocasións teña que desprazarse até o lugar unha segunda ambulancia para atender adecuadamente ao doente, co que nos atopamos con dúas ambulancias destinadas no mesmo sitio, onde só tería que estar unha.

Como pode influír o plan para que os taxis tamén poidan transladar a doentes?
A Xunta acaba de aprobar un regulamento do transporte en taxi que desenvolve a lei do taxi, na xa se falaba da posibilidade de que estes vehículos transportaran doentes. Unha vez publicado o regulamento, os taxis, de xeito regular poderán trasladar enfermos de diálise, oncoloxía e rehabilitación. Como único requisito, esíxese ao taxista un curso de primeiros auxilios, mentres que para ser traballador de ambulancias tes que ter un ciclo de FP e pasas dous anos contratado en prácticas,  co que ao final, transcorren catro anos até que es un traballador 100% integrado nas ambulancias. Cuestión importante, é que este regulamento tamén deixa aberta a posibilidade de que a viaxe se lle cobre ao/á paciente.


A CIG xa fixo saber a Xunta o noso desacordo co que se pretende con este regulamento. Entendemos que é unha competencia desleal, ademais de que o taxista non cumpre os requisitos de formación nin o taxi reúne as características técnicas para facer estes traslados.  Chega con dicir que os taxis non poden ser lavados e desinfectados como unha ambulancia, a causa dos materiais dos que stán feitos.


Que as ambulancias da Sanidade Pública estiveran xestionadas directamente por unha empresa ou organismo público, sen recorrer a contratas, é unha utopía?
Nós sempre defendemos que o servizo sexa totalmente público, con postos de traballo estábeis e dignos e con persoal ben formado, e non que se utilicen os recursos de contratación para andar mudando ao persoal cada pouco tempo para aforrar custes que redundan nun empeoramento da calidade do servizo público. Outra cousa é que con este goberno do PP esta posibilidade non exista.

Resultaría moito máis caro? Que melloras reportaría para os cidadáns?
Un servizo integramente público non sería máis caro. E máis caro non debe ser cando no Concello de Madrid, gobernado con políticas neoliberais durante moitos anos, o servizo de ambulancias e de transporte urbano son empresas públicas. 

Unha das protestas da CIG contra a precariedade en Ambuibérica
Unha das protestas da CIG contra a precariedade en Ambuibérica
Temas: SERGAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

3 EXPAÑA CACA, PEIDO E PIS

CONTRATOS DE FORMACION PEPEIROS: (DESPOIS DE 2 ANOS DE FORMACIÓN LABORAL E 400 HORAS DE PRACTICAS): - primeiro ano cobras o 60 por cento do salario, segundo ano cobras o 70 por cento do salario, non tes nin dereito o paro obreiro nin estas cotizando para a pensión ... AQUI ESTAN AS LEISES TERRORISTAS DO PEPEIRO DO MARIJUANATO ... (podreiros e a marca branca que permite o desgobernó pepeiro)

1 Para ti

Discrepo totalmente os contratos de practicas cotizas para o paro é tes o mesmo dereito de cobrar paro solamente que a parte que che corresponden logicamente se cotizas x 1000 euros cobraras 600 ou 700, e segundo para a jubilacion igualmente, non confundamos contrato de practicas con contratos de formacion qie estudias é traballas o mesmo tempo pero si que non tes dereito a paro logo, e como os cursos de obradoiros que logo non contan para o paro 1 non confundamos contrato de practicas que e o que se usan nestas empresas con contrato en formacion 2 anos de practicas non formacion previamente feitas as practicas chamadas FCT nunha empresa a 410 horas se non tes experiencia é senon 210 se tes parte convalidada 3 cotizas para a xubilacion é o paro, Dicecho alguen que estuvo con ese contrato

2 UTE Lote1

Ambulancias que desde Agosto tenían que estar trabajando y no se movieron del concesionario. A 4 trabajadores por ambulancia son 20 sueldos, más gastos de ambulancia que se ha ahorrado... Enorme labor la del Sergas en regalar el dinero de todos a este empresario. Pero bueno leyendo las noticias se entiende todo. Donde eStá la fiscalía ????

1 Roque

Cantos anos leva Pastoriza chuchando na CIG?

1 Balbino

Así estamos con borreguiños coma ti, chuchando o que? Traballando polo colectivo sempre , se non fai ben a súa labor que escollan a outro e punto , pero no , sempre ten que vir un iluminado a críticar