Uni Ferrol, cita histórica

O Star Center ferrolán estrease hoxe en Girona (18.45 horas) nunha fase final da Copa contra o tamén debutante Lacturale Araski vitoriano coa ambición e máxima ilusión por estar nas semifinais do sábado, onde agarda o anfitrión, Spar Citylift Girona. A base Ana Suárez, baixa nas de Lino López.

Por gcdeportes | Ferrol | 10/02/2017 | Actualizada ás 08:36

Comparte esta noticia

Sete anos despois, o básquet galego conta cun representante na fase final da Copa da Raíña, que se celebra dende hoxe ata o domingo en Girona. Catro vitorias consecutivas no remate da primeira volta levaron o Star Center-Uni Ferrol a unha clasificación histórica para a súa primeira cita na Copa. Todo un premio inesperado para as de Lino López, tras entrar entre as seis mellores da máxima competición. Enfronte estará outro debutante, e recente ascendido, o Lacturale Araski vitoriano. Será ás 18.45 horas (canalFEB) no pavillón Fontajau.

Ninguén apostaba por ningún dos dous equipos no arrinque de curso, pero de xeito brillante racharon cos prognósticos e agoran estrean torneo. A eliminatoria preséntase igualada, xa que Uni Ferrol e Araski chegan con nove vitorias en 18 xornadas de Liga. As vitorianas, adestradas por Madelen Urieta, pasaron por riba das galegas na primeira volta (66-53) en Mendizorrotza, pero suman catro derrotas consecutivas na Liga tras perder a Vanessa Gidden, a súa mellor xogadora, substituída pola pivote arxentina Gisela Vega.

O Uni Ferrol conta coa baixa importante da base Ana Suárez, máxima anotadora do equipo e mellor asistente, pero confía no grupo e na súa ilusión para sobrepoñerse. “O equipo medra ante a adversidade”, apunta Lino López, que tamén vivirá a súa primeira experiencia na Copa e que destaca esa ilusión e as gañas das súas xogadores por competir. “Somos un equipo ao que sempre nos gusta mellorar. Saltaremos á pista conscientes de que temos tantas posibilidades como o que máis, e polo tanto coa máxima ambición. Sabemos que cando se xoga un partido así, todo é posible e polo tanto hai que estar preparadas para aproveitar esta oportunidade única”.

As prestacións da finlandesa Vilma Kesanen e da estadounidense Laquinta Jefferson serán decisivas para suplir a ausencia da base valenciana, alma máter do equipo. As ferrolás apoiaranse no trío formado pola viguesa María Araújo, Bea Sánchez e Shacobia Barbee. “A fortaleza está no equipo”, apunta o presidente Leopoldo Ibáñez, ante unha cita “única e ilusionante”.

“Ni nos nosos mellores soños agardabamos xogar a Copa. É unha oportunidade histórica. O equipo chega moi ben a nivel de confianza e físicamente. E este equipo ten demostrado que pode facer grandes cousas na Copa polo bo rendemento que está dando nesta tempada”, avisa Lino López. Ás 18.45h no pavillón Fontajau de Girona, cita histórica para o Star Center-Uni Ferrol, un premio que chega na súa terceira campaña consecutiva na máxima categoría.

As xogadoras do Uni Ferrol, este xoves trala sesión no pavillón de Fontajau.
As xogadoras do Uni Ferrol, este xoves trala sesión no pavillón de Fontajau. | Fonte: @UniFerrol

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta