“Lástima que sólo ha muerto uno”

A Audiencia Nacional ratifica a sanción de 60.000 euros a un home que celebrou en Twitter a morte de Jimmy, seareiro do Deportivo que recibiu unha malleira do Frente Atlético en novembro do 2014. “Un hijo de puta que no la liará otra vez”, escribiu.

Por gcdeportes | A Coruña | 10/02/2017 | Actualizada ás 11:44

Comparte esta noticia

“Quiero manifestar mi más absoluta y sincera alegría por la muerte del Depor. Un hijo de puta que no la liará otra vez. Ojalá mueran más”. “Los del Frente Atlético asesinos, tenéis retrasito, verdad? Habían quedado para pegarse ambas partes. La lástima es que sólo ha muerto uno”, escribiu Raúl García Ramos no seu twitter. A Audiencia Nacional ven de confirmar a sanción de 60.001 euros e a prohibición de acceder durante 5 anos a recintos deportivos a esta persoa que publicou chíos festexando o asasinato de Francisco Romero Taboada Jimmy, seareiro do Deportivo, que faleceu tras recibir unha malleira de membros do Frente Atlético nos arredores do Vicente Calderón en novembro do 2014.

Concentración para lembrar a Jimmy no aniversario do seu asasinato.
Concentración para lembrar a Jimmy no aniversario do seu asasinato.

A sala do Contencioso Administrativo da Audiencia Nacional, a encargada de atender os recursos sobre as actuacións do Goberno, ratifica a sanción imposta a este mozo, Raúl García Ramos, pola Secretaría de Estado de Seguridad por unha infracción moi grave da Lei contra a violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no deporte, do 2007.

Tralo asasinato de Jimmy o 30 de novembro de 2014, a Garda Civil detectou en Twitter comentarios ofensivos cara a vítima deportivista. Na sentencia da Audiencia, o tribunal rexeita a presunción de inocencia á que apelou o recorrente, que negou ser o autor deses chíos alegando que amigos e familiares podían acceder na súa casa a esa conta na rede social. Pero o tribunal considera que hai probas dabondo para identificalo como autor deses chíos e sostén que “basta la mera lectura” dos chíos para apreciar que “conllevan una clara incitación a la violencia y agresión entre los participantes de encuentros deportivos, generándose un ambiente hostil y de promoción del enfrentamiento entre los seguidores de los equipos de fútbol”.

A sala da Audiencia rexeita tamén a falta de proporcionalidade esgrimida polo recorrente e salienta que a sanción económica de 60.001 euros imposta é o mínimo cuantitativo.

Os xuíces tamén consideran proporcionada a prohibición de acceder durante cinco anos a calquera recinto deportivo, un tempo “acorde a la gravedad de los hechos en los que se generó la conducta enjuiciada, con la muerte de un hincha de uno de los equipos contendientes y la grave repercusión y alarma social que estos hechos generaron en la opinión pública, unido al interés público de adoptar una política firme en la erradicación de la violencia en el deporte”. O condenado pode aínda interpoñer recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta